O rock de Casa Crecencio

O grupo Filophóbicas dalle forma aos seus temas nunha casa do lugar de Illoi, en Saavedra. Alí comezaron en 2016, logo de gañar o concurso da Radio Galega ‘Vas sacar nota’
Integrantes de Filophóbicas. S.IGLESIA
photo_camera Integrantes de Filophóbicas. S.IGLESIA

Tres mozos, un de Ferrol e dous da Coruña, xuntan forzas na Casa Crecencio de Illoi para dar forma a un proxecto común: o grupo de rock social Filophóbicas que "máis que unha banda, somos amigos", din.

Fran Zélop, Nando Brocos e Bubi Vidal danlle vida e ritmo a temas propios, todos en galego, con letras "reivindicativas" e "con moita retranca" dende o barrio de Campo de Arriba, en Saavedra. Alí residiu Fran durante anos e nese particular e "inspirador" local de ensaios reúnense cada semana para dar os últimos retoques e improvisar letras e ritmos que se converten en cancións. Algo que non deixan de facer, porque aínda recén estreada a súa primeira maqueta, xa están a crear novas composicións.

No primeiro proxecto, producido por Gonzo Piña no estudio de Tino López, inclúense oito temas, sete propios e unha versión de Knocking on heaven’s door á que chamaron, nun alarde de ironía, Nós non facemos versións. De todas elas, se teñen que quedar cunha, os tres téñeno claro: Falar de amor, cuxa letra foi creada colectivamente —Fran é a voz e quen escribe a maioría de temas—. Para Nando, Morte ao patriarcado tamén pisa forte.

Fran Zélop, Nando Brocos e Bubi Vidal, os integrantes do grupo, actuarán por primeira vez na Terra Chá o próximo 10 de agosto

Chegados ao punto de coñecerse á perfección cando collen os instrumentos —unha guitarra eléctrica, unha acústica e un set de percusión con caixón de flamenco e pratos—, ten a súa orixe en 2016, cando participaron no programa da Radio Galega, ‘Vas sacar nota’ coa canción Non penso facer caso. "Fixémola nunha semana", recordan, "e ao gañar o concurso tivemos que seguir, porque o premio era a gravación dunha maqueta". Agora van pola segunda tirada, unha vintena de concertos tras de si e as ganas de actuar en moitos máis.

O vindeiro 10 de agosto estrearanse na comarca chairega co seu repertorio máis un tema novo, concretamente no Festival 27373 do club fluvial de Begonte, coa ilusión de actuar na súa segunda casa e a esperanza de continuar a andaina por máis escenarios da contorna. Polo momento, poden verse o próximo día 1 e o 29 de agosto no Clavicémbalo de Lugo. O que queira saber que sae de Casa Crecencio que se achegue a algunha das súas actuacións e que se "deixe sorprender".

Comentarios