A CHAIRA, 15 ANOS: OPINIÓN

O padal da Chaira

Membro da Academia Galega de Gastronomía
Queixo San Simón. CRISTINA ARIAS (AEP)
photo_camera Queixo San Simón. CRISTINA ARIAS (AEP)

A moda de falar da economía circular e do desenvolvemento transversal evidencia a necesidade das sinerxias e a maior conexión entre o sector produtivo e o consumidor; aspecto interesante para a dinamización da comarca da Terra Chá. Coñecida é a importancia do sector lácteo e cárnico nesta comarca, cunha apreciable representación industrial, pero tamén ten un poder produtivo de materia prima importante, protexido en gran parte polas denominacións de calidade de Galicia.

Este potencial do sector primario e industrial, por suposto mellorable, non nos debe nublar e deixar pasar desapercibido outros potenciais como é o turístico, porque existen paisaxes defendibles, arquitectura histórica como castelos, torres, castros, e monumentos megalíticos e naturais para atractivas rutas de sendeirismo e de deporte en xeral, que son plus de excelencia. Por deformación profesional, engadiría dous factores que son importantes para ese reclamo turístico. Por un lado, apuntaría neste capítulo, entre outras cousas, a recuperación das lagoas, que en parte se fixo, e a creación dunha masa abedueiral como gran referencia para o queixo de San simón.

Pero considero a gastronomía  como o gran atractivo, que sairía potenciada acadando pratos cos produtos de proximidade, nos que a Terra Chá foi tradicionalmente destacada. Para máis consistencia desta aposta, no século XXI as novas denominacións de calidade declaradas en Galicia inflúen directa ou indirectamente nesta comarca, principalmente as do capón, grelos, vaca e boi, e pan galego. 

Existen establecementos gastronómicos destacados, pero creo que lles falta ese escalón de especialidade que permita á xente de fóra da zona rememorar de forma instantánea que na Chaira hai pratos de orixinal elaboración. Para acadar ese obxectivo, basicamente botaría man do capón, vaca e boi, patacas, grelos, xamón, queixo San Simón e pan galego. Aquí está o labor da restauración, ao que hai que engadir a publicidade tanto particular como oficial.

O maior desexo sería presumir dunha realidade como A Chaira, deleite do padal. Todo isto non é literatura, é economía pura e dura.

Comentarios