Numeroso público deuse cita no Móvete x As Pontes, que contou con 22 locais

O Concello pontés, coa colaboración da asociación de comerciantes, hostaleiros e empresarios Cohempo, promoveu a oitava edición deste xa clásico evento

Un total de 22 negocios, a maioría comercios pero tamén locais de hostalaría, sumáronse o venres, abrindo as súas portas ata a medianoite, a unha nova edición do Móvete x As Pontes, en cuxas distintas propostas se deu cita numeroso público.

O Concello pontés, coa colaboración da asociación de comerciantes, hostaleiros e empresarios Cohempo, promoveu a oitava edición deste xa clásico evento co que se busca dinamizar un sector que conta cun gran peso no municipio e que estreaba formato o ano pasado, unha fórmula de diversificación de propostas que optaba por repetir neste ante a boa acollida.

Así, houbo tres desfiles nos que se amosaron algunhas das tendencias da nova tempada ante un interesado público que se deu cita na Avenida de Ferrol, na convocatoria de Cul Moda e Peluquería, e ante os comercios Ratón Pérez, de moda infantil, e La Tienda.

A proposta complementouse coa exposición de roupa, calzado ou complementos na rúa, ante os negocios, así coma con distintas ofertas e descontos dos que podían beneficiarse excepcionalmente os clientes. Ademais, sortearonse diversos premios valorados nun total de 600 euros.

Non faltaron tampouco distintas fórmulas musicais, coma a animación polas rúas, a cargo das charangas Celta, NBA e BB+; os DJs en Niza, Texas, Lecar 712 e O Colador; ou os concertos, promovidos pola Taberna de Pancho e Zocos e ofrecidos por Sintrom Ni Son e Efecto Imperfecto.

Comentarios