Nova vida para o vello estadio

O Concello creará unha praza e un parque infantil no antigo campo de fútbol de Castro, no que xa se fixeron traballos á espera de que finalice a construción do de herba artificial
Alumnos del taller de empleo retiran la cubierta de las gradas. JOSÉ ÁNGEL DÍAZ
photo_camera Alumnos do taller de emprego retiran a cuberta das bancadas. JOSÉ ÁNGEL DÍAZ

En Castro de Ribeiras de Lea hai dous campos de fútbol. O novo, onde xogan os equipos locais, bautizado en 2017 como Arturo Pereiro, e o popularmente coñecido como vello, onde adestran os xogadores e que acolle outras actividades, como abertos de billarda.

Localizado na Avenida Terra Chá, este segundo espazo é un referente para os veciños, que nos últimos días viron como cambiaba a súa fisionomía para sempre. Desapareceron o seu histórico muro e a vella cuberta. E a razón non é outra que a nova vida que o Concello de Castro de Rei proxecta para o vello campo de fútbol. Seguirá sendo un lugar de lecer comunal para todas as idades. Seguirá sendo verde. Seguirá habendo xogos. Será unha praza pública e un parque infantil.

O alcalde, Francisco Balado, explicou que o Concello prevé solicitar unha subvención autonómica para acondicionar a zona a través dunha actuación cuxo custo roldaría os 500.000 euros. O goberno local ten claro o que quere, pero toca esperar, posto que antes de acabar de concretar o proxecto ou de obter os fondos para sufragalo, é necesario que conclúan as obras do novo campo de herba artificial, ao que se trasladarán os adestramentos.

Tras execuarse as dúas primeiras fases desta nova instalación, Calfensa ten adxudicada a terceira para habilitar a plataforma que sirva de base para que, nunha cuarta e última fase, se poida colocar a herba artificial, o que require un investimento duns 150.000 euros para a que o Concello tamén busca axudas.

Pero mentres non se dean eses pasos, hai outros que se poden ir dando, como a adecuación do vello campo para as futuras obras. Diso encargouse a media ducia de alumnos do obradoiro de emprego que Castro de Rei comparte con Cospeito e Outeiro de Rei. Eles foron os responsables de desmontar a estrutura metalizada que servía de cuberta ás bancadas, paso previo á tamén materializada derriba do muro perimetral que limitaba coa Avenida de Terra Chá, que cumpriu como valo publicitario durante moitos anos.

Agora, cun novo espazo aberto creado, conectando o céspede coa rúa e a beirarrúa, o vello campo de fútbol de Castro esperará pacientemente a esas futuras obras que lle concederán unha nova vida.

Comentarios