A nova vida que brinda o Mercado do Alboio

Uns dez postos con artigos de segunda man e antigüidades danse cita na Praza de San Xoán
Isabel Pardo e Katova pintaron nas paredes da Rúa de Betanzos. S. IGLESIA
photo_camera Isabel Pardo e Katova pintaron nas paredes da Rúa de Betanzos. S. IGLESIA

Cousas vellas e novas, cousas antigas, moi antigas e de segunda man é o que un pode atopar no III Mercado do Alboio, que durante esta fin de semana está a encher de cor e de vida a Praza de San Xoán da capital chairega. 

Un total de nove postos de Lugo, A Coruña, Ferrol ou da propia Vilalba poñen a disposición dos asistentes infinidade de artigos, dende libros e películas, ata moedas, xoguetes, botellas ou prendas de roupa. "Este ano estamos vendo un aumento da oferta de antigüidades con respecto a anos anteriores", expresaba Juan Trinidad, membro da organización, que ao mesmo tempo se mostraba "moi satisfeito" co ambiente que se respiraba na praza. 

"Hai un goteo constante de xente", engadía Cristina Fernández, tamén da entidade organizadora, que aproveitaba para animar a participar aos propios vilalbeses, xa que "a idea naceu, polo menos pola miña parte, para dinamizar o casco vello de Vilalba que, ao mesmo tempo, é a raíz da vila. E se nos esquecemos da raíz, a pranta non vai cara arriba...", comentaba Fernández. 

Para a xornada de este domingo as previsións de afluencia son maiores, ao coincidir co día de feira mensual e cos últimos actos das festas de San Ramón e Santa María. Así mesmo, o cambio de data –as pasadas edicións celebráronse en agosto– foi a única modificación no programa dunha cita que se afianza tanto para o público como para os expositores. 

Detrás dos artiluxios á venta había repetidores e novatos. Todos coa mesma sensación: a de estar nun evento que paga a pena. "Se a xente baixa ata aquí, isto é unha marabilla", afirmaban dende Coliseum, un posto centrado en coleccionismo e filatelia. Dende Valín Libros tamén hai ganas de repetir logo de achegarse ata o Mercado do Alboio por segunda ocasión. Desta vez, cun facsímile do Faro Villalbés entre as súas 300 propostas literarias. E entre os asistentes, a idea xeralizada de que é unha iniciativa "esencial" para dinamizar Vilalba e para que "haxa xente nos barrios". 

PINTURA. Como xa é habitual, o Mercado do Alboio significa encher de cor os muros da localidade. Nesta ocasión a vilalbesa Isabel Pardo e Katova, de Mondoñedo, enfocaban as súas pinturas ao feminismo e, no caso de Katova, á sexualidade feminina representada na Prehistoria.

Comentarios