miércoles. 27.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.10.2021
El tiempo

Nova ilusión para unha tarefa antiga

Celebración da malla tradicional xunto á casa reitoral de Alba. M.ROCA
A asociación veciñal da parroquia vilalbesa de Alba realizou a súa primeira malla, un proxecto que quedou aprazado pola pandemia e que retomaron con ganas

Cando se xuntan persoas con ilusión e ganas por facer cousas novas, saen proxectos e iniciativas que gustan, chaman a atención e enchen de orgullo. Nestas andan os integrantes da asociación de veciños Monte do Calvario da parroquia vilalbesa de San Xoán de Alba.

Nos últimos anos embarcáronse en varias propostas que, por mor da pandemia do coronavirus, víronse retrasadas, pero que agora, coa chegada da nova normalidade, comezan a retomar, tal e como ocorreu esta fin de semana, na que celebraron unha malla tradicional, a primeira que realizan, na que non faltou detalle.

"Tiñamos prevista facela o ano pasado e non se puido, así que organizámola este ano. Non é unha malla completa, porque non se podía xuntar a xente, pero é parecida", indican desde a entidade, en referencia a que os traballos previos fixéronos só os membros da directiva.

Así, preparouse a terra, nun terreo anexo á antiga casa reitoral, hoxe propiedade da asociación veciñal para empregar como local social, sementáronse uns dous ferrados a trigo, segárono e fixeron a meda para preparar todo para a malla.

Esta última parte do proceso xa foi aberta ao público e xerou moita expectación entre os veciños, que se achegaron para ver os traballos e desfrutar ao finalizar dunha comida campestre ao aire libre, típica das mallas, con cacheira, cachelos, chourizos e orellas, e que puxo fin a unha nova experiencia que esperan poder repetir.

Pero este non é o único proxecto no que se embarcaron ultimamente, xa que, despois de mercar a antiga casa reitoral en 2017 —coa axuda dunha aportación da Deputación de Lugo—, continúan co seu proceso de restauración.

Ata o de agora, reformaron completamente a planta baixa, a cal «"cando entramos parecía unha selva, despois de 40 anos sen ocupación", sinalaron desde a entidade, que conta cuns 60 socios. 

Tamén amañaron un anexo a esta estancia e un alpendre e un arrimado que están no exterior. Para estes traballos, contaron cunha subvención do Concello de Vilalba.

Nova ilusión para unha tarefa antiga
comentarios