Unha nova firma prevé producir 3.000 toneladas de aceiro ao ano nas Pontes

A americana Allied Steel Building pon en marcha as antigas instalacións de Aceriusa en Penapurreira. Actualmente xera 23 empregos directos e 20 indirectos pero espera chegar a 80
Visita de los directivos de la empresa y de los responsables municipales a las instalaciones. C. ARIAS
photo_camera Visita dos directivos da empresa e dos responsables municipais ás instalacións. C. ARIAS

A estadounidense Allied Steel Building aterra en  As Pontes e pon en marcha unha empresa de estruturas metálicas que este xoves inaugurou as súas instalacións na antiga nave de Aceriusa no polígono industrial de Penapurreira. A firma produce actualmente 400 toneladas de aceiro ao mes para a exportación, pero espera incrementar a cifra ata as 3.000 toneladas ao ano nos próximos cinco anos. No mesmo período, a previsión é multiplicar tamén o número de empregos, e se actualmente xeran 23 directos e 20 indirectos, esperan chegar a roldar os 80, tal e como indicou onte o seu director, o catalán Rubén Serna.

A pesar de que a firma xa leva uns meses traballando no municipio, este xoves foi "o gran día" para un proxecto que achega "a ilusión de ver outra vez esta fábrica con vidae "ver que é unha realidade e a veciños traballando", destacou o rexedor pontés, Valentín González Formoso, que recordou que no seu momento Aceriusa, que leva máis de dez anos pechada, deu emprego a un centenar de persoas. "é unha nova etapa para esta fábrica da man dunha empresa como Allied, dun país tractor da economía mundial, e que chega nun momento difícil", valorou.

Na inauguración estivo presente Michael Lassner, o responsable de Allied, e outros directivos dunha empresa que aposta con este proxecto por primeira vez por España. Segundo indicaron, en menos de 20 anos realizaron máis de 6.000 edificios -hospitais, escolas, centros comerciais ou fábricas- en 30 países diferentes. "Os primeiros proxectos elaborados nas Pontes irán para Sudamérica e EE.UU., concretamente para Texas e Nova York", anunciaron este xoves.

"Hai tres anos coñecemos este edificio. Non foi fácil coa crise sanitaria, pero había moitas persoas que crían no proxecto e xuntos fixémolo posible", dixo Lassner, antes de realizar unha visita pola fábrica. Para a súa posta a punto, a empresa investiu uns tres millóns de euros en maquinaria e outro medio millón en renovar as instalacións.

Enxeñería IP foi a encargada das obras e Decimal Enxeñería leva a oficina técnica.

Comentarios