A estadounidense Allied Steel Building aterra en As Pontes e pon en marcha unha empresa de estruturas metálicas que este xoves inaugurou as súas instalacións na antiga nave de Aceriusa no polígono industrial de Penapurreira. A firma produce actualmente 400 toneladas de aceiro ao mes para a exportación, pero espera incrementar a cifra ata as 3.000 toneladas ao ano nos próximos cinco anos. No mesmo período, a previsión é multiplicar tamén o número de empregos, e se actualmente xeran 23 directos e 20 indirectos, esperan chegar a roldar os 80, tal e como indicou onte o seu director, o catalán Rubén Serna.
A pesar de que a firma xa leva uns meses traballando no municipio, este xoves foi "o gran día" para un proxecto que achega "a ilusión de ver outra vez esta fábrica con vida" e "ver que é unha realidade e a veciños traballando", destacou o rexedor pontés, Valentín González Formoso, que recordou que no seu momento Aceriusa, que leva máis de dez anos pechada, deu emprego a un centenar de persoas. "é unha nova etapa para esta fábrica da man dunha empresa como Allied, dun país tractor da economía mundial, e que chega nun momento difícil", valorou.
Na inauguración estivo presente Michael Lassner, o responsable de Allied, e outros directivos dunha empresa que aposta con este proxecto por primeira vez por España. Segundo indicaron, en menos de 20 anos realizaron máis de 6.000 edificios -hospitais, escolas, centros comerciais ou fábricas- en 30 países diferentes. "Os primeiros proxectos elaborados nas Pontes irán para Sudamérica e EE.UU., concretamente para Texas e Nova York", anunciaron este xoves.
"Hai tres anos coñecemos este edificio. Non foi fácil coa crise sanitaria, pero había moitas persoas que crían no proxecto e xuntos fixémolo posible", dixo Lassner, antes de realizar unha visita pola fábrica. Para a súa posta a punto, a empresa investiu uns tres millóns de euros en maquinaria e outro medio millón en renovar as instalacións.
Enxeñería IP foi a encargada das obras e Decimal Enxeñería leva a oficina técnica.