Sábado. 17.11.2018 |
El tiempo
Sábado. 17.11.2018
El tiempo

Unha nova escavación en Viladonga descobre o foso e parte da muralla

Un dos muros exteriores da muralla. C. PÉREZ
Un dos muros exteriores da muralla. C. PÉREZ

O equipo de Terra Arqueos traballará ata finais de ano nesta nova actuación, que comprende a esquina nordeste, onde houbo un derrube e un tramo de muros exteriores

CASTRO DE REI. A empresa Terra Arqueos iniciou xa, baixo a dirección de Miguel Ángel López Marcos, unha nova campaña de escavacións no Castro de Viladonga, en Castro de Rei, que nesta ocasión céntrase en obter máis datos e consolidar un tramo interior da muralla da croa, outro dun dos fosos e o que se cre que eran os parapetos do corpo de garda.

O proxecto orixinal para esta intervención prevía actuar xunto ao acceso á croa, pero un derrube na zona nordés motivou un cambio de plans, dando prioridade á seguridade que é, xunto á mellora da accesibilidade, unha das principais premisas dos traballos. Así, está a aproveitarse o cascallo retirado nas escavacións para encher os itinerarios das visitas ou igualar o camiño perimetral da muralla da croa. Tamén se prevé instalar varias varandas.

A actuación que se está levando a cabo permitiu descubrir uns 15 metros máis do interior da muralla. A diferenza das zonas nas que se actuou outros anos, onde se localizaron varias escaleiras para acceder a ela, esta parte ergueuse de forma graduada para facilitar a súa construción. Pegada a ela hai unha estrutura de grandes dimensións, que estaba semienterrada, con muros grosos, de máis dun metro de espesor, e cuxo uso se descoñece polo momento, aínda que se descarta que sexa unha vivenda.

A intervención no interior da croa complétase cunha reexcavación –xa se traballou nela hai décadas– da coñecida como Casa Grande, cuxa disposición se sae da tipoloxía habitual das construcións dos castros. A nova investigación, na que se presta especial atención a derrúbelos e aos datos que estes poden ofrecer, busca determinar se este era realmente un único espazo.

No exterior recuperouse unha pequena parte do foso, que estaba semicolmatado –tería unha profundidade de oito metros e reintegraranse parte das paredes dos parapetos que se descubriron. Unha parte destas estruturas quedará visitable para facilitar a interpretación e o resto volverase a cubrir.

O traballo de campo, no que polo momento apenas se acharon pezas, prolongarase ata finais de ano e completouse coa limpeza e roza de todo a contorna do xacemento. A Consellería de Cultura financia estes traballos cunha partida de preto de 200.000 euros.

Unha nova escavación en Viladonga descobre o foso e parte da muralla
Comentarios