A normalidade da diferenza chega a Vilalba con 'Fóra do normal'

A obra gañou o I Premio Agustín Fernández Paz, que este ano se decidirá entre 15 traballos

María Reimóndez (centro), xunto ao resto de relatores da presentación do se libro. M.R.
photo_camera María Reimóndez (centro), xunto ao resto de relatores da presentación do se libro. M.R.

"María fai literatura para construír o mundo, para facelo mellor a través da palabra. Este libro pon en valor a normalidade da diferenza. Porque o que ten sentido nesta vida realmente é a diferenza". Así resumiu Fran Alonso, escritor e director de Edicións Xerais de Galicia, o libro Fóra do normal, co que María Reimóndez gañou o I Premio Agustín Fernández Paz de literatura infantil e xuvenil pola igualdade e que se presentou onte en Vilalba.

Con este acto, celebrado na casa da cultura ante un cento de persoas, péchase así a primeira edición dun certame promovido polo Iescha, o Concello vilalbés e Xerais, co obxectivo de que "sexa un referente en Galicia" e permita que saian á luz "obras cunha calidade coma a desta", afirmou Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

A autora da obra galardoada fixo unha presentación moi visual -presentouse vestida de superheroína, en referencia á temática dos superheroes e cómics que aparecen no libro como refuxio de André, o protagonista- e reflexiva sobre a transfobia, o bullying ou o machismo, acompañada polo activista trans Eric Dopazo, que expuxo a súa visión persoal sobre estes temas, dos que tamén puideron opinar os presentes.

Con este broche de ouro a esta primeira edición do certame adicado á figura de Agustín Fernández Paz -na que, ademais, as outras dúas obras finalistas tamén se publicaron-, dáse pé á resolución da segunda edición, á que se presentaron 15 traballos. O ditame do xurado farase público a derradeira semana do mes de outubro.

"Queremos que este premio inculque, sobre todo nos máis novos, valores de respecto e tolerancia cara aos dereitos dos demais", asegurou Marisa Barreiro.

Comentarios