A noite que a Morán lle gustaría

 Plenario Veiga apostou por revitalizar unha das discotecas máis emblemáticas de Galicia.  A reapertura de Hermo, o día do falecemento do seu fundador, citou a máis de 2.000 persoas 
Público na pista de Hermo no día da reapertura. EVA VEIGA
photo_camera Público na pista de Hermo no día da reapertura. EVA VEIGA

"Hai 44 anos, estes catro muros levantábanse grazas a un xenio que, dende alá, decidiu que hoxe se volvería petar". O xenio non era outro que Antonio Morán, quen soñaba xunto ao seu irmán Perfecto con poñer a Muimenta no epicentro da festa.

Conseguírono dende que aquela sala de festas abría as súas portas en 1975. Por elas entraron os mozos que tiñan na discoteca Hermo a primeira toma de contacto co ocio nocturno e Los Tamara, Manolo Escobar, Basshunter ou Juan Magan. Tamén saíron afortunados cos petos algo máis cheos e ata con coche novo cando o azar dos sorteos estaba da súa parte.

O éxito da Hermo de Muimenta foi paralela ao de moitas outras discotecas da volta. A Troco de Vilalba, Oh Caramba das Pontes, a LP45 de Ordes ou a Palladium de Melide foron durante moitas noites o refuxio para a xuventude galega, pero non resistiron o cóctel de crise económica e novos hábitos entre os novos: se hai tempo as discotecas mandaban nas fins de semana, agora fano as verbenas.

Morango, Exágono, Sugar, Zouk e Hermo seguen apostando polas noites de discoteca, pese ao cambio de hábitos nos máis novos

Pola contra, algunhas como Exágono, Sugar, Zouk, Morango ou a propia Hermo seguen apostando pola noite de sempre, que coñecen dende hai moitos anos. E Muimenta engalanouse este venres para lucir coma antes e renderlle a debida homenaxe ao seu ideador, falecido horas antes da reestrea do local.

A reapertura da discoteca dos Morán, e agora de Plenario Veiga, tamén trouxo consigo movementos nos bares de sempre e noutros que, á calor do xigante nocturno da Terra Chá, abriron de novo, como o Mesón da Ponte, Insomnio e Burbujas. Estes dous acollían aos primeiros festeiros e aos que se resistían a poñerse nas longas ringleiras -que non se vían dende hai tempo- para facerse coa entrada da Hermo.

Os autobuses chegados dende Lugo, A Fonsagrada, Guitiriz, Ribadeo, Vegadeo, Viveiro e Burela desembarcaban a centos de mozos cargados de ganas de recordar. Ata unha hora e media de cola na que daba tempo a rememorar a última vez que se bailara na tarima e a barallar se estarían Obdulia e os seus bocatas. Xa coa entrada na man e dispostos a subir as escaleiras, todas eran caras coñecidas, dende os porteiros ata Saturno, o máis fiel asistente que examinaba quen se lle facía familiar e quen era novo na familia "hermoniana".

En Muimenta, algúns pubs volveron abrir e enchéronse de xente á calor do xigante das discotecas da Terra Chá

De portas para adentro era unha especie de "déjà vu", de non ser por Halloween e porque, dende xa, é Plenario quen leva as rendas do que para el é "unha institución". "Contabamos con moita xente, pero non tantísima", dicía Veiga sorprendido pola resposta á súa chamada, e engadía que "foi unha coincidencia que Antonio se fora nun día tan especial para nós, pero seguro que o que desexaba é que isto se enchera". Cumprido.

Máis de 2.000 mozos e nostálxicos, uns atraídos polo que "nos contaron os nosos pais desta discoteca" e outros porque "viñamos sempre e hoxe non podiamos faltar", viaxaban no tempo. Case todos pasaron pola Dkada e os ritmos latinos, atravesaron polos sofás -coa mesma disposición e cometido- e baixaron para unha pista ateigada de Jokers, caveiras e un dinosaurio cos brazos en alto con calquera canción que lles tocara a fibra sensible. Con Geordie, de Gabry Ponte; Stamp on the ground, de Italobrothers; Désenchantée, de Kate Ryan, ou Everytime we touch, de Cascada, ninguén quedou indiferente.

Volver a eles da man de Manu Chady, Marcos Peón, Frisco, Hugo Leivas e Cosmedeejay foi a volta a un xeito de entender as noites que inventaron uns cantos precursores aos que lles tocou vivir o apoxeo e o ocaso dos seus proxectos. Para alegría de moitos, segue habendo quen aposte por eles e quizais por iso Plenario saíu ao escenario con ovación e Antonio estivo na memoria de todos os presentes.

"Cando vaiamos para alá seguro que nos ten montado algo coma isto", dicían dun home que converteu a Hermo en algo máis ca unha discoteca e borrou fronteiras a golpe de festa.

Comentarios