Axenda

Noemi Mazoy: "Estou cun proxecto para poñerlle música a cantigas do século XIII"

A soprano luguesa leva dende outubro subíndose ao escenario do teatro Nuevo Apolo de Madrid no musical ‘El médico’, adaptación da recoñecida novela de Noah Gordon, pero Noemi Mazoy segue buscando ocos na súa axenda para ofrecer concertos, desenvolver proxectos persoais ou colaborar con causas solidarias. O día 21, ás 13.30 horas, os vilalbeses poderán escoitala por primeira vez en directo, e de balde, nun marco único, a igrexa de Santa María, acompañada polo acordeonista Valery Zviarzhevich, a violonchelista Cristina Nogueira e o guitarrista Andrei Volodin. O Concello e a Unidade Pastoral organiza o recital.

Noemi Mazoy. MACACO
photo_camera Noemi Mazoy. MACACO

Como vai ser o concerto que ofrecerá en Vilalba?

Aínda que sexa nunha igrexa, non vai ser música sacra, senón que ofreceremos un programa moi variado e para todos os públicos, no que incluiremos canción popular galega, a aria Casta Diva de Norma, Negra Sombra de Rosalía, Gracias a la vida de Violeta Parra, bandas sonoras cinematrográficas como Sonrisas y lágrimas ou Desayuno con diamantes... 

Esta é a primeira vez que canta na capital chairega?

Si, é a primeira e faime moita ilusión. Gustaríame moitísimo darlle as grazas á concelleira de cultura, Cheri Grandío, por pensar en min para este domingo de Pascua. 

Como está a ser a súa experiencia en El Médico?

Moi bonita, porque todo partiu de algo moi familiar, de Iván Macías, o compositor, e un amigo, Pablo Martínez, que tiñan o soño de levalo a Madrid. A experiencia do principio gustoume moito, a xente implicada é moi linda e cun valor profesional tremendo. E ademais permitiunos coñecer a Noah Gordon e á súa familia, que é marabillosa, e o seu fillo aínda nos vén ver de cando en vez. Remataremos esta tempada o vindeiro 16 de xuño e xa está prevista a sgunda a partir de setembro.

O concerto de Vilalba non vai ser de música sacra, será un programa moi variado e para todos os públicos

Ademais de El Médico, ten algún proxecto profesional previsto?

Estou traballando nun proxecto conxunto con Valery, o acordeonista que me acompañará a Vilalba, centrado en poñerlle música a cantigas do século XIII. Espero que nuns meses poidamos telo listo e volver por Vilalba para presentalo.

Como se iniciou no mundo da música?

Foi moi insconsciente, porque nacín nunha familia de artistas. Na casa meus irmáns tocaban o piano ou a guitarra, meu pai cantaba e miña nai era artesá, unha artista creativa, e eu crieime nese ambiente, aínda que máis ben sempre pensaba que ía ser bailarina, porque foi como empecei a actuar, cun aro. Chamábanme a nena do aro. Estudei piano e de adolescente, Antonio Martínez, que era músico e se convertiría no meu gran amigo, escoitome un día cantar lírico na igrexa de Lugo, porque daquela andaba polas igrexas e nos asilos coa miña nai, e díxolle a meus pais que valía. Fun para Madrid coa miña irmá Ana, que xa vivía alí, estudei na Resad (Real Escuela Superior de Arte Dramático) canto lírico e cando me dei conta estaba dedicándome ao canto.

E empezou nos musicais...

Sen ser premeditado, levaba unha preparación bastante dada aos musicais e neste mundo tiven traballo case dende que cheguei, pero tamén fixen ópera, teatro... cantei un abano moi grande de estilos, nunca me encasillei. Tiven a sorte de poder probar distintas disciplinas. E agora o xénero dos musicais está moito máis desenvolvido que cando eu empecei.

Levo toda a vida colaborando con causa benéficas e teño moitas ganas de crear unha asociación solidaria

Hai algún xénero que lle gustaría tocar máis?

Non teño unha pena nin un anhelo nese sentido, porque puiden tocar todos os paus. Estou contenta, aínda que o que me pode chamar máis a atención é facer proxectos creativos propios. É o que máis me ilusiona, aínda que sexan cousas pequenas, só polo feito de crear.

Hai algo que lle faría especial ilusión poñer en marcha?

Estou con moitas ganas de crear un asociación solidaria. Levo toa a vida colaborando con causas benéficas, que para min é preciosísimo, e ter unha asociación que funcione para axudar no que poida é algo que me gustaría desenvolver.

Vostede traballa en Madrid, ve factible desenvolver unha carreira similar á súa en Galicia?

Creo que é complicado, sobre todo ter traballo de xeito continuado para poder vivir disto. Non me parece doado manter producións longas en Galicia. Tamén é certo que eu non chamei a moitas portas en Galicia porque fun para Madrid. Daquela en Lugo non había onde formarse e hoxe iso cambiou moito e hai moitas máis portas abertas. Pero aínda así, vivir da escena paréceme complicado.

De preto: "Non necesito desconectar, ao que me dedico é a miña propia vida, todo o que son"

Cal é a súa composición favorita para intepretar? Lela.

Que non cantaría nunca? Cantaría de todo, cantei de todo.

Un escenario? O do asilo de anciáns de San Roque.

Un compositor? Ennio Morricone.

Un referente? A miña nai.

Que citas procura non perder? Os eventos do corazón e da alma, as citas sentimentais que implican á familia e aos amigos. E procuro ir sempre a Lugo polo San Froilán e na Noiteboa.

Como desconecta do traballo? Non necesito desconectar, porque ao que me dedico é a miña propia vida, todo o que son e todo o que levo dentro.

De pequena quería ser... Bailarina, é un anhelo que aínda teño, e iso que puiden bailar nalgunha obra.

Que consello lle daría a quen queira dedicarse a unha profesión coma a súa? Ter moita ilusión, amar profundamente o que fas, non deixarte na primeira caída, porque hai moitas caídas, hai que saber levantarse, confiar e desfrutar.

Comentarios