Noelia Rodríguez: "A nosa máxima é lograr unha lei estatal de educadores sociais"

A pontesa Noelia Rodríguez Álvarez forma parte da xunta de goberno do Consejo General de Colegios Oficiales de Educadoras y Educadores Sociales. É a responsable de comunicación, un labor que desenvolve coa ilusión de visibilizar a súa apaixonante profesión.
Noelia Rodríguea Álvarez. M.MANCEBO
photo_camera Noelia Rodríguea Álvarez. M.MANCEBO

Por que Educación Social?
Tiña moi claro o que quería facer coa miña vida, pero non sabía como se chamaba. Dous ou tres días antes de facer a matrícula na universidade atopeime con Lucía Leal Sueiras —outra veciña das Pontes—, que estaba facendo o terceiro ano de carreira. Explicoume un pouco en que consistía e dinme conta: era isto! Tiña un nome e existía.

Que é o mellor da profesión?
Encántame a posibilidade que dá de dotar as persoas para que sexan as donas da súa vida e transformen a sociedade. As educadoras sociais o único que facemos é acompañar nun proceso, non somos salvavidas nin heroínas. Facemos acompañamento e ofrecemos as ferramentas para a transformación, porque iso é o que buscamos, que se transforme a sociedade para conseguir un mundo mellor.

Hai diferenzas co Traballo Social?
Son profesións diferentes con técnicas diferentes que se complementan pero en ningún caso se substitúen. Eu non podo exercer de traballadora social e unha traballadora social non está capacitada para facer intervención socioeducativa.

Que metodoloxías empregan?
Depende do sector. Eu céntrome en cuestións de formación para o emprego, en atención sociosanitaria e tamén estou vinculada ao traballo de fomento da igualdade e de prevención da violencia de xénero. Tamén traballei no ámbito penitenciario e con persoas migradas. O noso traballo é ensinar como aprender a facer as cousas.

Considera que esta profesión ten cada vez máis relevancia?
Creo que si. Dende os movementos colexiais e dende o consello xeral tratamos de visibilizar a profesión, que ten uns coñecementos específicos. Ás veces comparo a situación dos educadores sociais co que lles pasa aos traballadores do sector sociosanitario. A xente cre que se alguén coidou a un familiar na casa, xa pode traballar nunha residencia. E non, hai que ter uns coñecementos específicos. Na Educación Social sufrimos moito intrusismo, pero cada vez somos máis visibles grazas ao traballo colexial e ás denuncias públicas.

Cando ingresou no Colexio de Educadores Sociais de Galicia?
Son colexiada dende que se creou. Colaboro dende 2014 e, en 2015, ingresei na xunta de goberno.

Como foi o salto ao consello xeral?
Os colexios son os que propoñen aos candidatos. Non todos os colexios teñen as forzas nin os medios para desprazar a unha persoa ao consello. O traballo é voluntario e son moitas horas. No caso de Galicia, esta estivo na creación do consello xeral e o seu primeiro presidente foi galego, Alberto Fernández de Sanmamed. Ademais sempre estivo representada na xunta de goberno, e no último cambio en maio de 2018, propuxéronme para substituír á persoa que levaba a comunicación. Pareceume unha boa oportunidade porque estou moi comprometida coa profesión e ademais animoume tamén que por primeira vez sexa unha muller —Lourdes Menacho Vega— a que presida o consello xeral.

Que labor desenvolve?
A coordinación tanto interna como externa. O comité de comunicación (un grupo de profesionais da educación social moi comprometidas) traballa coas diferentes ferramentas que ten o consello. A páxina eduso.net, a web do consello onde se suben todas as noticias, os convenios, os congresos… E contamos tamén coa revista Res. Por outra banda, levamos a relación cos colexios profesionais de cada territorio. Actualmente hai 17, o último que se creou foi o de Cantabria. Ímonos retroalimentando. Pasámonos o que se xeran nuns e noutros colexios, sobre todo ofertas laborais.

E redes sociais?
Temos Twitter, Facebook e estamos plantexándonos crear Instagram. Das redes sociais encárganse voluntarios, pero fáltannos mans. É a maneira de visibilizar a nosa profesión.

Cada canto se reúnen?
Facemos un encontro anual co comité de comunicación, este ano foi en Barcelona, e reunións virtuais periódicas nas que tratamos de establecer criterios comúns. A xunta de goberno do consello xeral reúnese de maneira virtual todos os meses e presencial entre dúas e tres veces no ano. A próxima será polo Día Internacional da Educación Social, en Zaragoza, onde presentaremos o VIII Congreso de Educación Social en 2020.

Cal é a máxima reivindicación?
Nós reflexionamos e debatimos un montón e cremos que é moi necesaria unha lei que regule o dereito da cidadanía a ter acceso á educación. Non é o noso dereito como profesionais, senón o dereito que teñen as persoas a recibir Educación Social. Temos que estar en máis sectores, porque a xente o precisa. Hai moitos ámbitos nos que non está a nosa figura introducida e consideramos que si debería estar. Por exemplo, educación social e escola. Algunhas comunidades si a teñen e o éxito é tremendo. Queremos que se regule de maneira estatal e que sexa obrigatorio que haxa un educador social en cada centro escolar. Nunca tumbando a ninguén. Nós cremos nos equipos multidisciplinares e tamén en que todos os profesionais son necesarios.

Violencia de xénero
"Os datos de feminicidios no mundo son unha barbaridade"
Actualmente traballa de educadora social na prevención da violencia de xénero.
Si, xa levo varios anos colaborando con varias institucións, entre elas o Concello de Rodeiro. Na primeira experiencia, o obradoiro estaba centrado na previsión de violencia de xénero para xente maior. Eran persoas que estaban en talleres de envellecemento activo. Déronse situacións moi curiosas. A raíz de aí, e co contacto establecido coa educadora social do concello, fun facendo máis proxectos. O último foi en Semana Santa, de prevención da violencia de xénero dende o fomento das relacións desde o marco afectivo-sexual coa rapazada, para que entendesen a sexualidade dende un punto de vista diferente. Neste mes farei outros con nais e pais tamén.
Que problemas atopan os profesionais neste eido?
En moitos casos, atopámonos con que van aos colexios e aos institutos profesionais que non son do ámbito social,  e que dan un punto de vista moi primitivo. Que lles falan da muller maltratada de 60 anos co ollo morado e que leva recibindo golpes do seu home os últimos 30 anos. Unha visión que a unha adolescente non lle di nada. Hai que darlle un toque máis próximo. Eu fálolles de música, da forma de vestirse, de contacto, de como debe ser a sexualidade: non consentida, senón desexada. 
Ten feito obradoiros tamén na provincia de Lugo.
Si, hai uns meses en Sober, co pacto de estado, participei nun proxecto precioso con infantil. Falamos da violencia nos contos, desa visión da muller que é mala malísima ou que é tonta tontísima. É un traballo moi bonito, dáselle a importancia que ten, pero sen necesidade de ver sangue. Porque hoxe en día parece que se non é ‘amarillista’, non vende. 
É tamén unha das integrantes do Colectivo Feminista das Pontes. É necesario seguir traballando arreo?
Dende logo. E máis se comprobas os datos de feminicidios no mundo. En México rondan as 1.300 mortes no que vai de ano, unha barbaridade. Pero España leva máis de 60, nós nunca nos reximos polos datos oficiais, porque hai máis casos que a violencia na parella. Van unhas 43 violacións en grupo. Estamos falando de algo moi grave. Parece que cada vez temos que berrar máis alto.

Comentarios