Nenos e pais pintarán un colexio de Lanzós para intentar aumentar a matrícula

A comunidade educativa do Monseivane de Vilalba teme polo seu futuro debido á redución de alumnos matriculados ► O Concello achega a pintura necesaria e empresas locais ceden produtos para un aperitivo
photo_camera Acto de gradación do CEIP Monseivane do curso pasado. ARQUIVO

A comunidade educativa do CEIP Monseivane, situado en Moreda, na parroquia vilalbesa de Lanzós, teme polo futuro deste centro educativo debido á súa baixa matrícula, polo que tomou a decisión de poñer en marcha diversas iniciativas que contribúan a chamar a atención das autoridades e a propia sociedade sobre a importancia de manter vivo este centro educativo, que chegou a ter case 300 alumnos.

Entre outras iniciativas, grazas a colaboración do claustro de profesores e da dirección do centro, os pais decidíronse a pintar o muro exterior do colexio Monseivane, ao que acoden nenos das parroquias de Lanzós, Vilapedre, San Simón, Corbelle, Samarugo e Goiriz, con axuda dos seus propios fillos. En declaracións a Efe, a directora de colexio, Irene Díaz, explicou que pais e fillos comezarán a pintar o peche do colexio este venres a partir das dez da mañá.

"Faremos quendas, porque os nenos máis pequenos non poden estar tanto tempo fóra do recinto escolar", precisou Irene Díaz, e o traballo distribuirase "por idades". Para evitar calquera tipo de risco, solicitóuselle o Concello de Vilalba que, á primeira hora da mañá, corte a estrada local que pasa por diante do colexio, petición á que o goberno local accedeu. Ademais, para colaborar con esta iniciativa, ofreceu a pintura necesaria. "Para compensar a toda esa xente, ao mediodía serviremos un aperitivo", aclarou a directora.

A iniciativa tamén foi ben acollida polas empresas da zona e algunha delas colaborou coa mesma coa cesión de produtos para ese aperitivo, como as queixerías da denominación de orixe Queixo de San Simón da Costa, Dispravia ou a Parrillada O Adro.

"No colexio, ademais, fixemos un cartel co nome do centro e un debuxo do mascota, que se chama Galileo e é un Capón de Vilalba con forma de Queixo de San Simón", de modo que fai referencia a dous dos produtos máis emblemáticos de Vilalba.

De case 300 alumnos nos 80 a 37
Irene Díaz recordou que no CEIP Monseivane chegou a haber "preto de 300 alumnos" nos anos 80, pero neste curso a matrícula quedouse en 37 nenos, polo que as familias temen que a Consellería de Educación acabe "por pechar o colexio" se se mantén esa tendencia regresiva, tal e como sucedeu con outro dos centros rurais do municipio de Vilalba, o que estaba situado na parroquia de Belesar.

Matrícula aberta
A directora recordou que a matrícula está aberta, tamén para os nenos da capital municipal, porque "temos ruta de transporte escolar que parte de Vilalba", ademais de recordar as vantaxes de estudar nun colexio rural como o Monseivane, onde "o ensino é de moita calidade", dado que ao haber menos nenos por aula, préstaselle unha "atención máis individualizada" aos alumnos.

Ademais, recordou que a comunidade escolar dun centro coma este é "unha pequena gran familia", dado que "os maiores coidan dos máis pequenos", traballan "en proxectos comúns" e vanse de excursión "todos xuntos", incluso "cos pais".

Supervivencia rural
Unha das nais implicadas nesta iniciativa, Rocío Cuba Alonso, explicou a Efe que están dispostos a loitar para conseguir que este centro escolar sobreviva, non só polos nenos que agora cursan alí os seus estudos, senón porque, en parte, a supervivencia do colexio é tamén o futuro de toda a zona rural do norte de Vilalba, o segundo municipio máis grande de Galicia. 

Comentarios