Néstor Rego mantivo xuntanzas con varios colectivos nas Pontes

O deputado do BNG no Congreso reuniuse cun grupo de produtoras locais, co Comité de Transición Enerxética e con traballadores das empresas auxiliares
Néstor Rego, nunha das reunións que mantivo nas Pontes. EP
photo_camera Néstor Rego, nunha das reunións que mantivo nas Pontes. EP

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visitou na mañá deste mércores As Pontes para participar en xuntanzas coas produtoras locais, co Comité de Transición Enerxética e con traballadores das empresas auxiliares. Estivo acompañado da voceira municipal do BNG pontés, Silvia Pardo.

Rego transmitiulle a unha representación da apicultura, da agricultura e da gandería de leite ecolóxico local "o modelo de desenvolvemento rural que propón o BNG, un rural vivo, sustentábel e chave no desenvolvemento económico e social", segundo explican os nacionalistas logo dunha xuntanza na que sa abordaron cuestións como reactivar o Banco de Terras, fomentar a incorporación da mocidade ou modificar a PAC. A petición das asistentes, o BNG comprometeuse a fomentar o o produto galego e de proximidade e ecolóxico, así coma as sementes e especies forestais autóctonas.

A importancia de que Galicia conte cunha industria "forte e consolidada" foi o eixe da reunión co Comité de Transición Enerxética  -formado por Concello, sindicatos, empresarios e transportistas-, na que tamén se abordaron a tarifa eléctrica galega ou os nodos de evacuación das centrais. Rego amosouse crítico con Endesa que, dixo, se beneficiou da explotación do territorio, polo que agora "debe investir en mantemento e na creación de emprego".

O último encontro serviu para constatar a preocupación das empresas auxiliares polo mantemento do emprego na central e lembrar as reclamacións dun "colectivo especialmente afectado polo peche da central térmica". O deputado incidiu na importancia da creación dunha mesa específica para abordar a súa situación, tal e como reclaman os afectados, e avanzou que este xoves rexistrará unha petición a este respecto no Congreso dos Deputados.

Néstor Rego, na súa visita ás Pontes. EP

Comentarios