Necrológica ► José Manuel Peón Peña

José Manuel Peón Peña
photo_camera José Manuel Peón Peña. EP

Era Peón. Pódense escribir milleiros de palabras, pero pouco máis se pode dicir dunha persoa cando a súa soa mención chega para entender de quen e de que se está a falar. Era Peón, o fillo de José e de Fina, os do bar Peón, ese lugar que durante máis de 50 anos contribuíu a definir a historia de Vilalba dende a súa esquiniña entre a Alameda e a Rúa Basanta Silva. Hoxe xa non ten ese nome, pero séguese chamando así.  

Era Peón, aquel que de novo militou no Rácing Club Vilalbés e que retomaría o gusto polo céspede como xogador do CD Xermade. Era Peón, o que disputaba maratóns de fútbol sala co Reixas, peza indiscutible do mítico Hotel Villamartín, que se despediría das pistas, non hai tanto, no Vilalba FS.

Era Peón, quen durante anos alentou a afección polo fútbol sala nos centos de nenos que pasaron polas súas mans nas escolas deportivas municipais de Vilalba ou polo fútbol, dende a canteira do Rácing.  Era Peón, o encargado de pór un sorriso na cara dos usuarios do centro ocupacional de Vilalba en cada unha das actividades nas que os acompañaba. Era Peón, o responsable do éxito das actividades extraescolares do Ceip Terra Chá de Román ou dos campamentos estivais de Vilalba. Era Peón, o bo xogador, o bo compañeiro, o que sempre sumaba para facer equipo, ese ao que os rapaces que adestraba adoraban, cos que se entendía mellor ca ninguén, porque falaban un mesmo idioma. Todos eses era e é Peón.

Peón é José Manuel Péon Peña, un deses vilalbeses de toda vida, o padriño de Ana, o seareiro do Celta, o que non tiña fillos mais deixa centos de orfos. Dende que transcendeu o seu pasamento, as redes sociais inundáronse de mostras de condolencia, de pésames á familia e aos achegados, que se sucederon no tanatorio Rego e Carballés e se repetirán este martes na misa funeral da igrexa de Santa María de Vilalba e no posterior enterro no cemiterio parroquial de Santa Cristina, en Cospeito, onde están as súas raíces maternas. 

O domingo 5 de decembro de 2021, aos 53 anos de idade, pitáronlle, antes de tempo, o final do partido. Pero Peón seguirá xogando noutro campo, ao ritmo dos himnos de Los Enemigos, outra vez da man da súa benquerida tía Pepita. E seguirá sendo Peón.

Comentarios