Naturgy acorda abrir en Vilalba a primeira gasinera dual de Galicia

Estará situada na N-634 no seu paso polo lugar de Martiñán do devandito concello lugués

Alfonso del Río y Adolfo Pérez en la firma del acuerdo. EP
photo_camera Alfonso del Río y Adolfo Pérez en la firma del acuerdo. EP

O director de Proxectos de Mobilidade da compañía Naturgy, Alfonso del Río, e o xerente da estación de servizo Vallibria de Vilalba, Adolfo Pérez Díaz, asinaron este venres un contrato para a construción da primeira estación pública dual de gas natural licuado e comprimido (GNL/GNC) de Galicia, que estará situada na N-634 no seu paso polo lugar de Martiñán do devandito concello lugués. 

Tal como sinalou Naturgy nun comunicado, tal emprazamento ten un "gran valor estratéxico" debido á súa proximidade á autovía A-8, punto de partida do corredor cantábrico, "o que asegura a posibilidade de encher o depósito á totalidade das frotas en Galicia con destino ao norte de España, Francia e Europa". 

Neste sentido, a estación disporá dun tanque de 60 metros cúbicos de GNL, así como un surtidor deste tipo de combustible e dous de GNC, que permitirán a reposición de vehículos, tanto lixeiros como pesados. 

"A construción desta gasinera, prevista para o mes de outubro, dará competitividade ao sector do transporte galego e cubrirá con iniciativa privada a carencia de infraestruturas de GNL no corredor cantábrico, xa que a A-8 non está incluída nos proxectos de desenvolvemento de transporte europeo, proxectos que dispoñen de axudas para o fomento deste tipo de infraestruturas", explicou Naturgy. 

Segundo a compañía, esta iniciativa enmárcase no proxecto de fomento da mobilidade de Naturgy, cuxo obxectivo é potenciar a utilización do gas natural como combustible como a "mellor alternativa sustentable" fronte aos combustibles fósiles derivados do petróleo e impulsar a rede de estacións en Galicia. 

Tal como lembrou a empresa, o gas natural para os transportes contribúe a mellorar a calidade do aire, xa que reduce en máis dun 85% as emisións de óxidos de nitróxeno e case o 100% de partículas sólidas, os principais contaminantes que afectan á saúde. 

Comentarios