Ana Sandamil, a nai da nena Desirée, foi trasladada nas últimas horas ao cárcere de Teixeiro desde Bonxe.
Segundo informa a TVG, a decisión responde a cuestións médicas. E é que na prisión coruñesa teñen servizo médico as 24 horas.
A presunta asasina e nai da nena foi trasladada o pasado martes a Bonxe, en Outeiro de Rei, tras recibir a alta no hospital Lucus Augusti, onde permanecía ingresada desde o pasado 3 de maio, o mesmo día no que se coñecía o tráxico suceso.
O xulgado de instrución número 1 de Vilalba ordenaba o pasado 30 de maio o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, por un presunto delito de homicidio/asasinato", tras desprazarse a xuíza ese mesmo día ao hospital, encabezando unha comisión xudicial, para tomar declaración, en calidade de investigada, a Ana Sandamil, que se acolleu ao seu dereito de non declarar.