domingo. 23.02.2020 |
El tiempo
domingo. 23.02.2020
El tiempo

Os músicos ponteses homenaxearán o día 23 a Sabela Ramil por Santa Icía

Sabela Ramil. DAVID CATÁ
Sabela Ramil. DAVID CATÁ
O programa de actos, que arrincará o 16 e prolongarase ata o 24, incluirá varios concertos e unha misa cantada na igrexa de Ribadeume

A asociación de músicos Ruada das Pontes, coa colaboración do Concello, homenaxeará este ano por Santa Icía a Sabela Ramil, a nova promesa da canción que saltou á fama pola súa participación na última edición do programa televisivo Operación Triunfo, onde foi finalista.

"Estou moi agradecida por esta nova, era e é un evento moi importante para min como músico das Pontes e só teño palabras de agradecemento", expresou a homenaxeada, quen confirmou a súa asistencia ao festival.

Este será o día 23, ás 19.00 horas, no auditorio municipal Alovi. Nel subiranse ao escenario o grupo de música tradicional No Cómbaro, o coro infantil do conservatorio, a Rondalla Vila das Pontes, a Coral Endesa e a Banda de Música das Pontes.

Pero a programación para honrar a patroa dos músicos arrincará xa este sábado 16, tamén no Alovi, a partir das 18.30 horas. Este día está programado outro recital no que actuarán a escola municipal de acordeóns, a banda de gaitas municipal e a banda de música, que estreará o espectáculo Unha noite de amor con Lela, con Alfredo Susavila e o trío Promo.

O martes 19, ás 19.00 horas no Alovi, haberá un concerto da escola de música da banda e, un día despois, á mesma hora no mercado municipal, mostrarán os seus avances os alumnos de percusión do conservatorio.

O programa incluirá dous concertos máis con estudantes do centro pontés. Serán o xoves, ás 19.00 horas na biblioteca, e o venres, á mesma hora, na Casa Dopeso.

Esa mesma xornada, que precederá ao recital de homenaxe a Sabela Ramil, que se atopa na promoción do seu primeiro álbum Despedida —este venres 15 saltará ás plataformas dixitais a súa primeira canción—, a música trasladarase ao bar Carboeiro, cun concerto da banda Jin Tony's Son, a partir das 22.30 horas.

O programa de actos de Santa Icía chegará ao seu fin o domingo 24, cunha misa cantada polo coro do conservatorio, que se celebrará como cada ano na igrexa de Ribadeume, a partir das 12.00 horas. A continuación, realizarase unha ofrenda floral no monumento dos músicos, coa actuación de Canavella.

Os músicos ponteses homenaxearán o día 23 a Sabela Ramil por Santa...
Comentarios