A música non entende de pandemias na Terra Chá, Meira e As Pontes

A actividade de escolas e conservatorios vese condicionada polas restriccións
Alumnos da Escola de Música da Banda das Pontes, nun ensaio. M. Z.
photo_camera Alumnos da Escola de Música da Banda das Pontes, nun ensaio. M. Z.

O confinamento demostrou que a música fai de salvavidas e os que se adican a ela non paran nin en tempos de pandemia. Nas seis escolas da Terrá Chá, Meira e As Pontes, e os dous conservatorios, adáptanse ás novas medidas, ás veces dun día para outro.

Ata o de agora, as clases víñanse desenvolvendo adaptadas á nova normalidade que trouxo consigo o coronavirus. Pero tras o anuncio deste luns do endurecemento das restricións, toca volver a adaptarse. Así, nos conservatorios a formación será online e as escolas de música quedan á espera das indicacións que se dean no DOG.

Os imprevistos e a actualidade están á orde do día nestas agrupacións desde que se retomaron as clases presenciais. "Dependemos do Whatsapp e organizámonos o día anterior", explica Fran Cupeiro, que dirixe as formacións de Meira, Guitiriz, Os Valuros de Castro de Rei e a da Uned Sénior Terra Chá e, con elas, 150 alumnos que van dos "cinco anos aos 86", un en Castro de Rei e outra en Guitiriz.

A distancia nas clases é indispensable, a mesma premisa coa que traballan no conservatorio das Pontes, que como no caso do vilalbés, dispón de plan de contixencia e de covid e ata cun equipo propio para esta nova realidade composto por catro dos 13 profesores. Con 130 alumnos, desde bebés ata os 19 anos, "ninguén perde clase, por iso ás veces se fan por videoconferencia", apunta Abel Riveira, o xefe de estudos do centro.

En total suman uns 600 alumnos de todas as idades

No conservatorio de Vilalba, cun cento de rapaces, Aurelio Chao, recoñece que "algunhas familias" son reticentes a enviar os seus fillos a clases presenciais, aínda que se cumpren con todos os protocolos. E nel tamén optan por reducir grupos e polo mundo online para seguir ensaiando. De feito, engade que algúns "avanzaron moito na materia" ao dispoñer de tempo durante o confinamento.

Na Escola de Música da Banda das Pontes, con outros 100 rapaces e con só sete altas menos ca no ano anterior, tamén baixaron a ratio das clases e as audicións de Nadal foron virtuais, mentres que na Esmuvi, de Vilalba, os 115 alumnos —22 menos que o curso anterior— tiveron formación a distancia durante o confinamento e para quen a desexe. Ademais, a ratio baixou de 15 a dez persoas por grupo.

Comentarios