Muras presume de mel este fin de semana no Viveiró

A quinta edición da feira incluirá o tradicional concurso, talleres e degustación, ademais dunha exposición micolóxica e espicha de sidra
Presentación de la Feira do Mel de Muras. C. ARIAS
photo_camera Presentación de la Feira do Mel de Muras. C. ARIAS

A V Feira do Mel de Montaña de Muras encherá este fin de semana de sabor e de xente a parroquia do Viveiró. A quinta edición dunha cita que xa se converteu nun clásico de novembro inclúe un amplo programa de actividades que arrincarán o sábado cunha xornada técnica como previa ao gran día, que será o domingo.

Ademais do mel, que se poderá comprar, catar ou cociñar, este ano introduciranse máis produtos á oferta da feira na que, como novidade, haberá unha exposición micolóxica e unha espicha tradicional de sidra, da man do Museo da Sidra de Nava, en Asturias.

"Estamos contentísimos de estar outro ano máis aquí porque é unha feira que empezou con moita ilusión e moitos medos", apuntaba o rexedor de Muras, Manuel Requeijo, este luns na presentación da quinta edición da Feira do Mel de Montaña de Muras, mentres invitaba á xente a participar e destacaba os valores do produto local, dun "mel de altísima calidade, san e ecolóxico".

O programa do sábado arrincará ás 08.00 horas cunha saída micolóxica para a identificación e recollida de cogomelos para a exposición, que estára guiada por José Manuel Castro Marcote, o presidente da Asociación Micolóxica Pan de Raposo da Costa da Morte.

Pola tarde, a partir das 16.00 horas, dará comezo o tradicional concurso de calidade de mel no restaurante Picapan Casa Vituco e ao finalizar haberá unha charla con Carlos Martín, veterinario da Asociación de Apicultores Profesionais de Asturias, e unha introdución aos cogomelos con José Manuel Castro Marcote.

Na feira haberá entre sete e nove postos de produtores de mel, aos que se sumarán outros de gastronomía e artesanía

Pero o día grande será domingo. A feira arrincará a partir das 10.30 horas coa apertura dos postos de venda e ás 12.00 empezarán os talleres para os máis pequenos, que ás 16.00 horas terán máis, estes enfocados á cociña. Tamén ás 12.00 empezaranse a servir os pratos de degustación, que preparará unha vez máis o cociñeiro Antonio Díaz e ás 14.00 horas haberá unha actuación musical con Rocío Varela.

Ás 18.30 horas está prevista a entrega de premios do concurso e ao redor das 19.00 horas pecharase esta nova edición.

"Haberá entre sete e nove postos de venda de mel de xente que o produce no noso territorio, en Muras, e complementaranse con outros produtos agroalimentarios de tempada, como cárnicos, licores, cogomelos, castañas..., ademais de postos de artesanía ou o da Casa do Mel de Goente", indicou o edil de medio rural, Mario Rouco.

Na presentación tamén estivo presente Roberto García, o deputado de Participación Cidadá da Deputación de Lugo, que destacou a colaboración —o ente provincial concede 4.000 euros á organización— cunha cita que serve para revitalizar o rural.

Comentarios