Se eu fose alcaldesa...

"En Muras hai moito traballo por facer, pero hai que empezar por gobernar sen discriminar pola cor política"

Eugenia Requeijo.EP
photo_camera Eugenia Requeijo.EP
Eugenia Requeijo Chao
Candidata do PP en Muras
Idade: 48 anos
Lugar de nacemento: Muras
Primeiro ano como candidata: 2015
Afecións: Camiñar, fotografía,lectura, cine e apaixoada das paixases do municipio


"Hai moitas cousas por facer, pero o primeiro é empezar a gobernar dunha vez para todos os veciños, sen discriminación en función da cor política de cada un". Con esta declaración de intencións, con este claro compromiso, arranca Eugenia Requeijo Chao, candidata do PP á alcaldía de Muras, este novo reto político. Se as fechas e as coincidencias temporais teñen algún significado, é de sinalar que naceu o mesmo día no que se aprobou a Constitución Española, é dicir, o 6 de decembro de 1978. Nai no rural, é titular dunha explotación gandeira de vacún de carne. Estreouse en política no 2015, seguindo así a estela de seu pai, que tamén foi concelleiro e portavoz do PP en Muras.

A candidata popular é afeccionada a camiñar, á fotografía e á lectura; gusta tamén do cine e é unha apaixonada das paisaxes do seu municipio. Eugenia Requeijo di que é hora de que o Concello de Muras estea gobernado co obxectivo de mellorar a vida dos veciños e non para usar a institución para facer oposición á Xunta como veu ocorrendo ao longo de todo o mandato.

Eugenia Requeijo Chao. EP
Eugenia Requeijo Chao. EP

A aspirante popular considera que nas funcións de goberno hai que ter claras as prioridades e non perder a perspectiva. Dende o Concello –di Eugenia Requeijo– hai que impulsar todo aquelo que dinamice a economía local, e para iso hai que poñer os medios propios dispoñibles e xestionar recursos noutras administracións. "É fundamental ofrecer solo industrial que resulte atractivo para as empresas; é imprescindible contar cun polígono industrial operativo", sinala a candidata.

En materia económica, en Muras ten un peso moi relevante á gandería. Eugenia Requeijo, como gandeira que é, coñece ben os problemas do sector en xeral, e ao detalle no que atinxe a Muras. Neste sentido sinala: "Dende o Concello hai que traballar para favorecer a actividade do sector gandeiro; hai moitas cousas que se poden facer para facilitar a vida aos propietarios das explotacións; é moi pouco, por non dicir nada, o que fixo o goberno presidido polo alcalde nacionalista".

O lobo, un problema por falta de control

Un dos problemas aos que se enfrontan os gandeiros é aos danos provocados polo lobo, que mata reses de maneira continuada. Por iso, a candidata popular á alcaldía quere que o Concello traballe para incrementar as axudas aos gandeiros fronte aos danos causados por este animal. Eugenia Requeijo mantivo unha intensa actividade política e social contra a inclusión do lobo na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial. Sinala: "Os gandeiros non queren acabar co lobo; nada de iso. O que queren os gandeiros e que haxa un control real sobre as poboacións desta especie. O Goberno, presidido por Pedro Sánchez, demostrou unha total falta de sensibilidade, de empatía cos problemas dos gandeiros e non fixo caso algún das súas demandas nin das expostas polos gobernos das comunidades autónomas do noroeste peninsular".

A aspirante popular lembra que o PP de Muras tivo que acudir ao xulgado para que o alcalde rectificase e recoñecese como válida a votación no pleno de outubro do 2021, e, en decembro do 2022, saíse adiante a moción popular contra o incremento da protección do lobo. Para Eugenia Requeijo, "foi moi importante que se aprobara esta moción nun concello no que todos temos gando e coñecemos os problemas que ocasionan os lobos".

En Muras, en materia industrial e económica, está en plena efervescencia a polémica pola autorización da mina de feldespato de Silán. A este respecto indica: "O alcalde, nacionalista, quere quedar ben cos que están a favor e cos que están en contra da mina, porque só opera con criterio partidista e pensando nas eleccións locais que se celebrarán en maio. Primeiro non puxo obxección algunha á mina, pero agora cambiou de criterio e, co acordo plenario para intentar impugnar a autorización da explotación, meteu ao Concello nun proceso que pode acabar por supoñer un duro golpe ás arcas municipais; podía tomar a decisión el só, pero preferiu acollerse á decisión do pleno, na que o PP se abstivo".

Mellora dos servizos

Requeijo Chao cre necesario unha mellora xeralizada dos servizos que ofrece o Concello. Pero destaca "como moi prioritarios os de carácter social, os que afectan aos maiores e ao fomento da natalidade".

Neste sentido declara: "Todo o que se faga en favor dos maiores e dos nenos, en síntese, todo o que se faga en apoio das familias nunca será suficiente nun concello con tan pouca poboación e tan envellecida como é a de Muras". A candidata popular di que se é alcaldesa aumentará as axudas á natalidade.

A aspirante do PP resume: "Hai moito que facer por Muras dende o Concello. Pero hai que empezar por gobernar sen discriminar a ninguén por razóns de cor política. É tempo de cambiar a maneira de facer as cousas; se eu son a próxima alcaldesa, garanto que cambiará". E será un cambio feito "dende a humildade, con responsabilidade, tratando a todos os veciños por igual, sen buscar a confrontación con outras administracións e con información permanente e clara do traballo do goberno local".

Apoio doutras administracións
Diálogo e xestión de recursos externos
A candidata do PP á alcaldía de Muras, Eugenia Requeijo, lamenta que ao longo do mandato o alcalde buscara continuamente, por interese partidista, a confrontación fronte á Xunta de Galicia. Sinala: "Se eu son alcaldesa, buscarei recursos noutras administracións. A Xunta achegou a Muras máis de 11 millóns de euros nos últimos catro anos, dirixidos ao medio rural, ao fomento do emprego, ao mantemento dos principais servizos sociais, á mellora de infraestruturas e á cooperación co concello". A candidata popular destaca que non só hai que conseguir novas infraestruturas, senón que "é preciso coidar e manter debidamente todas as instalacións municipais que xa hai, porque temos que ser capaces de ofrecer os servizos que precisan os nosos veciños".