Muras celebra o 22 a Romaxe Artesá da Chaira adaptada á realidade covid

O programa da quinta edición contará con obradoiros para nenos e adultos, charlas, xogos tradicionais, monicreques e música con A Gramola e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre
Xabier Díaz e Adufeiras, nun concerto en Vilalba polos San Ramón. C. PÉREZ
photo_camera Xabier Díaz e Adufeiras, nun concerto en Vilalba polos San Ramón. C. PÉREZ

Muras volverá encherse de visitantes e de curiosos o vindeiro sábado, día 22, na celebración da quinta edición da Romaxe Artesá da Chaira, unha das primeiras citas que se retoman no calendario festivo chairego trala pandemia, e que aínda que contará cun programa moi similar ao de anos anteriores, estará adaptado á realidade covid.

"Dado que o nivel de vacinación está avanzado, e tendo en conta que o evento se celebra nun espazo aberto e ao aire libre, decidimos organizar a romaxe con todas as medidas sanitarias", explica o rexedor, Manuel Requeijo, recalcando que é necesario "avanzar nesta nova normalidade, xa que a xente ten que vivir e leva moito tempo parada".

O programa desta quinta edición incluirá obradoiros, monicreques, xogos tradicionais, charlas e música, unhas actividades que se repartirán entre dúas carpas –habitualmente instalábase só unha, pero nesta ocasión o Concello colocará unha coa artesanía e outra dedicada á música– e a zona verde da área recreativa da Veiga.

A feira, á que acudirán un total de 15 artesáns –nove pertencentes á Asociación de Obradoiros de Artesáns da Chaira, entidade que colabora na organización do evento, e outros seis de fóra dela–, abrirá as súas portas coa mostra de artesanía de 12.00 a 20.00 horas ininterrompidamente.

Tamén dende as 12.00 e ata 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, haberá xogos tradicionais a cargo de Dínamo e un photocall na entrada do recinto feiral elaborado pola artista plástica cospeitense Pilar López Cupeiro.

Ao longo da xornada celebraranse varios obradoiros infantís de confección de xoguetes e de enxeño a cargo de Enxógate –con grupos reducidos de seis nenos cada media hora–, e un para adultos no que Xaneco ensinará a elaborar un pandeiro. Este taller terá un custo de 45 euros, xa que os participantes poderán levar o seu pandeiro para a casa.

O grupo A Gramola será o encargado de poñer a nota musical na sesión de tarde, cun concerto que se desenvolverá na carpa da música, ás 16.00 horas. Seguidamente, ao redor das 18.00 horas, Trécola animará ao público co espectáculo Tolitates.

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre volverán encher de melodías este recuncho natural de Muras cun concerto que arrincará ás 20.00 horas, e que debido ás restricións obrigará aos presentes a permanecer sentados.

A xornada pecharase, sobre as 23.30 horas, cunha charla de iniciación á astronomía. Aquelas persoas que o desexen poderán acudir despois ao observatorio do Viveiró para gozar do ceo, unha actividade a cargo de Marcos López e de Paulino Gasalla, da Sociedade Galega de Historia Natural, que contará con 20 plazas. Haberá que anotarse con antelación no teléfono do concello.

"Cremos que vai quedar unha romaxe bonita e que será o punto de partida para esta postpandemia que iniciamos", conclúe Requeijo, animando á xente a sumarse a esta cita chea de vida.

Comentarios