Cinco municipios únense nun taller de emprego para mellorar as súas zonas verdes

O día 15 empezará o obradoiro O Castro VI, que durará nove meses
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Roza no Castro V. EP

Os concellos de Castroverde, Riotorto, Pol, A Pastoriza e Ribeira de Piquín, con este último como base e responsable da xestión, uníronse outra vez para organizar un taller de emprego dual. Este centrarase no acondicionamento e mellora de distintos espazos verdes e zonas rurais, tal e como xa se fixo nas edicións anteriores a través dun módulo de formación forestal ao que se lle quixo dar continuidade.

Ribeira de Piquín acolleu esta semana os procesos selectivos do persoal responsable do obradoiro O Castro VI -un director, unha administradora e dous monitores- e dos alumnos traballadores, un total de 20, catro de cada municipio implicado, que ao finalizar o taller obterán un certificado de profesionalidade.

Os operarios, con labores similares, repartiranse en dous grupos de traballo. Un deles, integrado por oito persoas e un técnico, desenvolverá os labores encomendados en lvos municipios de Pol e Castroverde, no que empezarán a traballar xa. Os doce restantes, co seu correspondente monitor, rotarán entre Riotorto, Ribeira de Piquín e A Pastoriza, o primeiro lugar no que operarán.

Os traballos a realizar son similares en todos os municipios e céntranse en rozas para previr incendios ou acondicionamento de espazos públicos. Así, en Ribeira de Piquín procederán á limpeza de diversas vías e na Pastoriza mellorarán áreas recreativas, campos de festas ou outras zonas de esparexemento, empezando polo Castro de Saa, onde é necesario facer rozas manuais.

En Castroverde tamén están previstos traballos de debroce e limpeza e en Riotorto priorizarase a realización destas tarefas en lugares aos que a maquinaria non pode acceder e ademais acondicionarase a parte posterior do centro social de Galegos.

O taller de emprego O Castro VI, que se prolongará durante nove meses, conta cunha subvención da Xunta de Galicia de 346.946 euros, ao que se unen as respectivas achegas municipais para material ou outras necesidades.

A Administración autonómica achega outros 9.000 euros para o desenvolvemento dun programa de inserción laboral, posterior ao taller, que incentive a contratación de alumnado durante polo menos tres meses, a xornada completa e en empresas da zona. Os fondos concedidos dependen do número de operarios que se estima que se beneficien desta medida, seis no caso do Castro VIN.

Catorce proxectos entre 40 concellos
Nas próximas semanas iniciaranse os 14 talleres de emprego, entre eles O Castro VI, que a Xunta financia en Lugo, nun total de 40 concellos e coa participación de 341 persoas entre alumnos e persoal.
Terra Chá
Abadín e Vilalba volven compartir iniciativa, do mesmo xeito que Outeiro de Rei, Castro e Cospeito; Friol, Rábade e Begonte e O Vicedo, Muras e Ourol.
4,9 millóns
é a achega autonómica, con 4,86 millóns para os talleres e 103.000 euros para incentivar a contración posterior de 69 persoas.

Comentarios