Cinco mulleres de Vilalba, Ribeira de Piquín e As Pontes, nas listas do 10-N

Olalla Rodil é a única número un ao Congreso, pero só Montserrat García coñece xa a Cámara Baixa. Marta Rouco estréase nestas eleccións e Silvia Pardo repite. Pilar Prieto opta ao Senado 
Papeletas electorales. AGENCIAS
photo_camera Papeletas electorais. AXENCIAS

Tres das caras que poderían dar o salto a Madrid van en listas do BNG —unha por Lugo e unha pola Coruña para o Congreso e outra por Lugo para o Senado— e dúas nas do PSOE —ambas de número tres para o Congreso, unha pola Coruña e outra por Lugo—. 

Pese a que só unha das cinco se presenta como número un dunha lista ao Congreso, Olalla Rodil polo BNG de Lugo, só outra coñece xa a Cámara Baixa, Montserrat García, que entrou co PSOE coruñés nas anteriores eleccións.

Montserrat García. C.A."Asúmoo da mesma maneira que a primeira vez, como unha responsabilidade moi grande. Pero agora que coñezo como funciona o Congreso tomas máis conciencia do que significa estar alí para defender os intereses de todos", valora a pontesa, que fai fincapé en que "precisamente neste momento é fundamental que haxa unha voz para defender os intereses das Pontes e a comarca e que se escoite dentro do Goberno se gobernamos", matiza.  

Montserrat García, de Riotorto, foi durante doce anos tenente de alcalde das Pontes. Entrou no Congreso en abril, tras presentarse co PSOE da Coruña no número tres, a mesma posición que ocupa agora.   

No mesmo posto e co mesmo partido, pero en Lugo, preséntase Marta Rouco, tras a renuncia de Sonsoles López. A vilalbesa, concelleira na capital chairega dende 2015, antes na oposición e agora no goberno, vai por primeira vez na lista ás xerais —nas anteriores ía como primeira suplente—. 

Marta Rouco

"É un orgullo, no Congreso é onde se toman as decisións importantes", di. "O PSOE ten un proxecto para o conxunto do Estado que persigue a igualdade de oportunidades. É importante, para logralo, que se teñan en conta as necesidades de provincias como a nosa, de interior, envellecidas e cunha importante dispersión. Ese debe ser o obxectivo dos deputados da nosa provincia". 

Polo BNG, Olalla Rodil, natural de Ribeira de Piquín, preséntase como cabeza de lista por Lugo ao Congreso. É a terceira vez que a política, que está no Parlamento galego, vai nunha lista ás xerais. 

Olalla Rodil. EP"Fácil non é nunca pero saímos a por todas sempre, con campañas moi intensas", indica. "Sería moi importante para a provincia e para o país ter unha representación forte", di, mentres fala dalgúns retos que hai por diante como que "non se destrúan os postos de traballo en Alcoa, poñer o prezo da enerxía no centro do debate" ou impulsar as infraestruturas. "Lugo ten un importante déficit", precisa. 

Na provincia da Coruña, Silvia Pardo, concelleira das Pontes dende 2015, repite no número catro ao Congreso, como nas últimas eleccións. Tamén formou parte da das autonómicas en 2016. 

"Todos sumamos e sería moi importante ter representación. No caso da Coruña que entre Néstor Rego no Congreso significaría ter peso e ter unha persoa da localidade na lista implica unha conexión directa para poder defender os intereses do concello nun proceso de desindustrialización para a comarca", valora a concelleira e activista feminista. 

Nas listas do BNG en Lugo vai outra chairega. Pilar Prieto, natural de Castro de Rei pero veciña de Vilalba dende hai décadas, é candidata ao Senado. Formou parte das listas do Bloque nas municipais de Vilalba en varias ocasións e tamén nas autonómicas, pero é a primeira vez que forma parte dunha lista a nivel nacional. 

Teresa"Para min é unha honra que contaran conmigo e que me satisface, sempe estiven aí", di, ao tempo que valora que entrar no Senado "significaría poder tirar por Galicia e poder pedir cousas". Fala dalgunhas necesidades como a defensa de Alcoa e de Endesa, a enerxía eléctrica, que "estamos pagando unha barbaridade", ou políticas para impulsar o agro, que "está moi abandonado". 

Outros nomes da zona. Nas listas do PSOE ao 10-N Fidel Fernán  (Cospeito) vai de primeiro suplente de Pilar García Porto para o Senado e Xosé Teixeiro (natural de Guitiriz e concelleiro en Vilalba), de José Luis Raposo. Mentres, nas do PP, Marita Carballeira (Guitiriz) é segunda suplente ao Congreso e Gerardo Criado (Vilalba) e Eugenia Requeijo (Muras) son os suplentes de Rosa Arza ao Senado. 

Comentarios