Mulleres anónimas e universais no festival Alcances de Cádiz

A vilalbesa Alba Sofía Naseiro é unha das catro codirectoras de La huella, un documental estreado en Cádiz que homenaxea dende unha perspectiva feminista ás coidadoras de familia
Alba Sofía Naseiro (segunda pola esquerda) coas outras codirectoras. EP
photo_camera Alba Sofía Naseiro (segunda pola esquerda) coas outras tres codirectoras.

"O feminismo trátase moito dende unha perspectiva moderna, máis social, e nós quixemos centrarnos no íntimo, de portas para dentro, e facer unha homenaxe a todas as mulleres, e a nós mesmas, ás mulleres que fan que a vida xurda e siga", explica a vilalbesa Alba Sofía Naseiro, unha das catro codirectoras de La huella, un documental que acaban de lanzar ao mundo tras ser seleccionado no festival Alcances de Cádiz e que permite ollar as vidas e os pensamentos de nove mulleres anónimas con vidas normais, que son esas pero poderían ser outras, porque afrontan problemas universais.

La huella, dirixido por Alba Sofía Naseiro xunto a Alejandra Nonell (Barcelona), Sofía Schiavoni (Arxentina) e Irene Herrero del Valle (Bilbao), retrata en pouco máis de 30 minutos a pegada que deixa nas mulleres "unha vida adicada a coidar aos demais", un traballo non remunerado e pouco recoñecido que na maior parte das veces conleva doenzas, fatiga, falta de liberdade...

"Este documental é un traballo de fin de máster -as catro codirectoras cursaban o máster de Documental Creativo na Universidad Autónoma de Barcelona- e xuntámonos coa idea de abordar a economía feminista relacionada cos coidados, pero tendo en conta o eido social e íntimo, e coñecemos un grupo de mulleres no Espai Brotes, en Hospitalet de Llobregat, que tras coidar toda a vida aos demais se reúnen agora para coidarse a si mesmas", explica a directora novel vilalbesa, que indica que un dos motores que as impulsou a facer este documental foi "falar dun tema do que se fala pouco".

E entraron a través da porta que lles abriron estas mulleres. "Brindáronnos a oportunidade de convivir con elas durante meses, asistindo a talleres e a reunións nas que elas desafogaban e se coidaban", explica Alba Sofía Naseiro, que indica que para ela foi "unha honra" participar neste proxecto en clave feminina.

2Coas outras directoras queda unha amizade que espero que dure moitos anos e das mulleres protagonistas aprendín moito, cun papel como dunha figura maternal, porque xa nos sentimos parte dunha familia", indica unha rapaza que continúa formándose e que este curso iniciará outro máster, esta vez de Comunicación e Xornalismo na USC, pero que non rexeita manterse na senda do audiovisual.

"Non son bos tempos para a lírica, pero gustaríame moito continuar, esta foi unha experiencia única, e espero non tardar moito en ter novidades e novos proxectos", expresa a vilalbesa.

Polo de agora o documental La huella, que conta cunha das protagonistas con orixes lucenses, estreouse esta fin de semana de forma online -o prazo para vela remata hoxe- na páxina web de Festhome (www.tv.festhome.com).

"Con motivo do covid a estrea foi online, pero o 2 de outubro estrearase en sala, concretamente no cinema Cineápolis Al-Andalus de Cádiz ás 20.00 horas", indica Alba Sofía Naseiro, que recoñece sentir "moita ilusión". "É o meu primeiro traballo en codirección, fomos un grupo moi unido, que traballamos moi ben e que quixemos, sobre todo, que o resultado lles gustase a elas, ás protagonistas", di, mentres recorda que saen unhas caras, pero poderían ser moitas máis.

Comentarios