Muimenta celebrará o Mercado de Nadal para promover o comercio local

Celebrarase desde o mércores 9 de decembro ata o martes 5 de xaneiro

Muimenta celebrará un ano máis o tradicional Mercado de Nadal, unha iniciativa que impulsa a asociación de empresarios para promover as compras no comercio local.

A xunta directiva da asociación de empresarios de Muimenta, a cal engloba a gandeiros e todo tipo de profesionais e autónomos da vila, esta ultimando esta edición do Mercado de Nadal, que xa cumpre doce anos de historia e que se celebrará nesta ocasión dende o mércores 9 de decembro ata o martes 5 de xaneiro, o día da cabalgata de Reis, cando se pechará como xa é habitual.

"A asociación de empresarios de Muimenta segue desenvolvendo actividades, en especial encamiñadas a estas datas navideñas", explican dende o colectivo, ao tempo que animan aos veciños a apoiar o comercio local, algo aínda máis necesario nun momento de crise sanitaria como o actual no que moitos negocios tiveron que pechar as súas portas durante meses no confinamento e afrontar restricións de aforo e outros cambios.

"Nos vindeiros días darase a coñecer o número total de partipantes e os premios a repartir", anuncian dende o colectivo de empresarios. Na edición pasada participaron ao redor dunha vintena de negocios e repartiron 1.500 euros en rifas para facer compras no comercio local.

DÍAS AZUIS. A maioría dos negocios que integran a asociación de empresarios de Muimenta participarán dende este luns ata o día 30 na campaña Días Azuis que leva a cabo a Federación Galega de Comercio e que repartirá 16.200 euros en premios a través de tarxetas prepago regalo de 300 e 150 euros para incentivar as compras no pequeno comercio.

Comentarios