Unha moza pontesa denuncia que un home perseguiuna nunha furgoneta

O individuo baixouse do vehículo e foi tras ela cando esta volvía a casa de madrugada
Avenida de Galicia, en As Pontes. CRISTINA ARIAS
photo_camera Avenida de Galicia, nas Pontes. CRISTINA ARIAS

Unha moza das Pontes denuncia que un home perseguiuna de madrugada, primeiro en furgoneta e logo a pé, ata que conseguiu porse a salvo en casa das súas pais. Os feitos ocorreron fai dous sábados cando a moza regresaba camiñando soa cara á súa casa tras saír de esta. Nun momento dado, xa na súa rúa, deuse conta de que unha furgoneta comezaba a seguila, alixeirou o paso e de súpeto o condutor baixouse do vehículo e empezou a ir tras ela a pé.

"Cando vin que se baixaba empecei a correr e a gritar como unha tola e conseguín entrar no xardín de casa e escondinme na parte de atrás. Chamei á miña nai por teléfono, acendeu todas as luces e baixou e cando miramos xa non había ninguén. Non me chegou a tocar pero si chegou a entrar no xardín", di a moza, de 21 anos, que segue co susto no corpo.

"Paseino fatal e esa noite non durmiu ninguén en casa", di, e explica que cos nervios quedou con moi poucos datos. "Se que non era un mozo de 20 anos nin un home súper maior e que a furgoneta era branca, de tamaño medio e non moi vella, pero pouco máis, nin matrícula nin nada", engade, á vez que explica que pola escaseza de datos non se puido presentar unha denuncia formal pero que a Garda Civil si deu parte e que iniciará unha investigación.

"Faláronme doutra moza que di que ve roldando unha furgoneta pero creo que non ten nada que ver", indica, e recoñece que o suceso xa tivo consecuencias. "Agora non me atrevo a ir soa a ningún lado. Desde onde saímos de festa á miña casa lévame catro minutos camiñando e o que menos pensei foi que puidese pasarme isto", di, e resalta que canta máis xente o saiba mellor, "para que anden con coidado".

Desde a Policía Local aseguraron que non lles constaban máis denuncias e o colectivo feminista das Pontes reclamou "máis esforzo dende ou Concello en formar en violencia machista á Polícia Local" e reforzar o Centro de Información á Muller (CIM), levándoo á rúa. "Nas Pontes existe violencia machista e todas temos a obriga de loitar contra ela", engadiron desde o colectivo pontés.

Comentarios