Moito ritmo e moita festa

A charanga Os Tutuíños xurdiu no San Xoán do ano pasado e dende aquela non deixan de percorrer as citas festivas da comarca

Integrantes da charanga Os Tutuíños. EP
photo_camera Integrantes da charanga Os Tutuíños. EP

Máis música e menos espectáculo. Unha frase fácil de escoitar ao remate das macroverbenas, menos mal que aínda hai quen vele polo desfrute de novos e vellos e que se preocupa de que os espectadores tornen en bailadores.

As charangas poñen o ritmo a distancias curtas do seu público e Meira xa pode presumir de ter unha. Os Tutuíños comezaron a dalo todo no San Xoán de 2017 «porque a xente de por aquí comezaba a reclamar un grupo de persoas que amenizase as festas», explica Lucía García Jartín, integrante da agrupación.

Dende entón, os oito ‘tutuíños’ —de Meira, Pol, A Pastoriza e Castro de Rei— levan pola comarca adiante os seus instrumentos: dous saxos altos e un tenor, o bombo, a caixa, dúas trompetas e a frauta traveseira.

Os integrantes da charanga Os Tutuíños son os concellos de Meira, Pol, A Pastoriza e Castro de Rei

Todos eles teñen unha orixe en común, xa que pertencen á Banda de Música de Meira, cuxo director, Fran Cupeiro, tamén toca na charanga. Lucía afirma que grazas a el «fixemos partituras propias, ademais das que tiñamos da banda, e deu a coñecer o noso grupo». Pero o seu papel é moito máis importante. O primeiro ‘tutuíño’ foi o propio Fran, «por un mote que tiña cando estudaba no conservatorio da Coruña, aínda que non sabemos moi ben por que é», aclara a moza.

O caso é que agora o seu nome viaxa por cada festa e aldea de Meira e arredores. Deron os seus primeiros acordes na Pastoriza e na Xira de Porto de Pena, na cal «nos fai moita ilusión tocar porque é na casa», engade a artista. Este ano o ritmo non parou e a música levounos a San Tirso de Abres, en Asturias —«que nos sorprendeu polo animada que era a xente», di Lucía—, á celebración do San Pedro Fiz ou ao día grande de Meira, o 15 de agosto. Polas súas rúas tocaron coa compañía dos seus veciños, que non dubidaron en asomarse polas ventás.

As primeiras actuacións foron na Pastoriza e na Xira de Porto de Pena. Este ano sumáronse as festas de San Tirso de Abres, San Pedro Fiz e as patronais de Meira

Xa teñen citas fixas, como a comida anual que celebra a asociación de amas de casa e as festas do barrio polense de Penamazada, e cancións inamobibles. «Sempre nos piden o ‘Despacito’, ademais de cancións galegas e pasodobres como ‘Campanera’. Tocamos temas que todo o mundo coñeza», concreta a saxofonista.

Por diante aínda queda a actuación na chocolatada que organiza a confraría de Meira en decembro e, como obxectivo, «traer máis percusión e máis compoñentes para o grupo», xa que o futuro está case asegurado. O ingrediente principal, segundo Lucía, xa o teñen: «Estamos moi animados e non nos podemos levar mellor».

Comentarios