Moito máis ca un nome de muller

O IES Pedregal de Irimia de Meira prevé identificar os espazos do centro con figuras femininas destacadas do contorno. As dúas primeiras xa teñen titular, Margarita Ledo e Sonia Villapol
A cineasta Margarita Ledo e neurocientífica Sonia Villapol. EFE y VICTORIA RODRÍGUEZ (AEP)1
photo_camera A cineasta Margarita Ledo e neurocientífica Sonia Villapol. EFE y VICTORIA RODRÍGUEZ (AEP)1

Co fin de facer un traballo de continuidade sobre a igualdade de xénero, o equipo directivo do IES Pedregal de Irimia de Meira, co visto bo do claustro e do consello escolar, quere que cada espazo do centro se identifique cun nome de muller. Unha figura destacada, a ser posible do contorno, tanto para homenaxeala polo seu labor como para amosarlle ao alumnado que é posible acadar obxectivos e cumprir soños sen que o xénero sexa un impedimento. A iniciativa, a longo prazo, terá dúas protagonistas neste curso.

A cineasta, escritora, xornalista e profesora Margarita Ledo, que forma parte da Real Academia Galega dende 2009 e vén de recibir un Mestre Mateo honorífico pola súa dilatada traxectoria profesional, daralle nome á aula de audiovisuais. No centro confían en poder contar coa homenaxeada, natural de Castro de Rei, despois de Semana Santa, para que ela mesma inaugure o seu espazo.

"Calquera proxecto que abra os centros de ensino ás mulleres que traballan na esfera pública a nivel comunal é interesante", di Ledo, agradecida pola deferencia do IES. "Formámonos e retornamos á sociedade", apunta, indicando que "este tipo de referencias e de andainas é sempre bo telas activadas", sobre todo cando se trata de mulleres, xa que a súa actividade ten estado "moi velada".

Se Margarita Ledo é unha gran referencia para as novas xeracións, non o é menos a segunda elixida, a neurocientífica e investigadora Sonia Villapol, nada en Bretoña (A Pastoriza) e que lle prestará o seu nome ao laboratorio de bioloxía e xeoloxía. Non existían dúbidas sobre esta elección, e non só polo seu importante labor divulgativo, achegando a ciencia á poboación. Que mellor referente pode ter un estudante que alguén que se sentou no seu mesmo pupitre?

Villapol estudou no instituto meirego, onde deixou pegada, pois foi unha das fundadoras da revista Latexos, a publicación escolar aínda vixente e na que foi entrevistada o ano pasado.

"É o maior dos eloxios que recibín nunca", confesa sobre unha dedicatoria que lle dá "forza e revitaliza o meu orgullo de ser onde son". A proposta resúltalle "moi emocionante por milleiros de motivos", o que a leva a facer unha promesa: "Gustaríame establecer un programa de mentorado continuo para todos aqueles estudantes do instituto que teñan inquietudes pola investigación para asesoralos na carreira científica, sexa do ámbito que sexa".

Nese futuro que construirán os estudantes de hoxe e de mañá, confía en que "as oportunidades serán independentes do xénero, da raza ou da nacionalidade", mais sabe que "aínda queda moito por normalizar" e que "aínda existen estereotipos e segue a causar estrañeza ver a mulleres en postos profesionais que son máis "habituais" para "os homes".

Con esta pequena pero significativa iniciativa, dende o IES de Meira queren poñer o seu gran de area para reverter eses "aíndas" e avanzar a prol da igualdade real.

O rueiro feminista do IES Basanta Silva ten 28 nomes
O IES Basanta Silva de Vilalba apostou este ano, para conmemorar o 8-M, pola creación dun rueiro feminista, bautizando todos os espazos comúns do instituto con nomes de mulleres destacadas ou de profesións exercidas tradicionalmente por elas. En total son 28 placas.
undefined
Persoas
Hai 16 nomes propios, de figuras históricas como Constanza de Castro, Pepa a Loba ou Silvia Mistral, e tamén de chairegas destacadas de onte e de hoxe, coma Margarita Ledo, Carmiña da Ponte ou Maruja Celeiro.

Oficios
Taberneiras, cociñeiras, leiteiras ou plañideiras son algunhas das tarefas que se recordan neste rueiro que inclúe rúas e prazas, pero tamén fontes, xardíns, lugares, patios, pórticos, etc.

Comentarios