Especial Fin de Ano: Cospeito

Moito máis que un parque

O Concello creou un espazo en Feira do Monte que está concibido cunha vocación educativa e medioambiental
Parque biosaludable de Cospeito. Marta Mancebo
photo_camera Parque biosaludable de Cospeito. M. MANCEBO

O Concello de Cospeito está a desenvolver un parque medioambiental en Feira do Monte, un espazo biosaludable duns 40.000 metros cadrados que busca conxugar ciencia, historia e arte nun mesmo terreo. O rexedor cospeités, Armando Castosa, sinalou en máis dunha ocasión a "importancia" desta iniciativa para o seu goberno. Ao longo deste anos, grazas ás axudas recibidas, Cospeito puido realizar diversas obras coas que se foi impulsando a creación do parque.

A zona foi limpada e rozada, plantando novas especies arbustivas e arbóreas en certas zonas seleccionadas. Construíronse sendeiros que discorren entre a lagoa, o Museo das Aves e o propio parque. Tamén se realizou a colocación de varandas, de mobiliario e de carteis infomativos para a correcta interpretación do espazo. Todas estas actuacións foron deseñadas empregando materiais respectuosos co medio ambiente, potenciando a orixe renovable.

O parque está repleto de árbores que darán sombra e permitirán gozar de diferentes e curiosos espazos. Un dos lugares máis destacados é o Recuncho do Silencio, unha depresión do terreo en forma de fenda a unha profundidade duns catro metros. Ao fondo desta hai un espazo cheo de silencio, no que veciños e visitantes non escoitaran máis que a súa respiración e os sons da natureza, como o vento, as follas dos árbores ou o cantar dos paxaros.

Nunha das últimas actuacións construíuse un estanque que simboliza a propia Lagoa de Cospeito en miniatura, o cal ten unha singularidade, recolle augas pluviais que se acumulan no colexio público Virxe do Monte e se derivan ao propio estanque para que sirvan como sistema de rego.

Parque biosaludable de Cospeito
Arcos de madeira iluminados durante a noite. EP

Ademais, para contribuír á política do Concello en canto ao envellecemento activo, existen unhas instalacións para xogar á petanca. Un dos elementos máis maxestosos do parque son os arcos de madeira que contan con iluminación nocturna e conectan a entrada co tamén restaurado Camiño Real.

O parque está concibido como un todo que une a paraxe da Lagoa de Cospeito co edificio destinado á educación ambiental, conectado á súa vez con sendas que levan polo interior da capital municipal ata chegar ao mirador da Terra Chá. A visita ao parque pretende ser unha experiencia de desconexión e goce persoal para propios e estraños que se achegen a Cospeito.

Comentarios