Moexmu, o soño do rural que o pobo fixo realidade

A Mostra Exposición de Muimenta celebra a súa cuadraxésima edición consagrada como un referente do sector primario
Terreos que hoxe ocupa o Ceip de Muimenta e que durante os primeiros anos da Moexmu foron destinados á maquinaria e o concurso de gando. AEP
photo_camera Terreos que durante os primeiros anos da Moexmu foron destinados á maquinaria e o concurso de gando. AEP

A década dos oitenta foi a da movida. Aínda que o primeiro recordo que se veña á cabeza sexan as melodías de Siniestro Total, Mecano ou Alaska y Dinarama, o certo é que naqueles anos en Muimenta estaba a xestarse unha movida ben distinta. A entrada de España na Comunidade Económica Europea espertara un certo temor no campo e cada vez se facía máis necesaria a posta en marcha dunha iniciativa que potenciase a capacidade agrícola e gandeira desta vila do corazón da Terra Chá. Esta foi a semente da Moexmu, unha feira multisectorial creada co esforzo de todo un pobo, que os días 5, 6 e 7 celebra 40 edicións "máis viva ca nunca" e acubillando aínda hoxe a aqueles que a viron nacer e tamén aos que medraron con ela.

Esta andaina arrancou un 6 de xullo de 1985. A vila, inmersa na celebración das festas na honra a San Cristovo, viuse desbordada polas moreas de xente que acudían a un evento insólito para os chairegos: a I Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu). E alí estaba Tino Méndez, veciño do lugar que este ano preside, e xa van tres, a comisión número cinco, a encargada de organizar tanto a feira como a Festa da Filloa neste 2024. "Estamos tremendamente orgullosos de ambas citas. Somos un pobo de aproximadamente 800 habitantes e, a este nivel, non creo que haxa moitas en Galicia. É todo grazas á xente", conta.

Porque Tino sabe mellor ca ninguén que os comezos non son doados. Recorda ben, coma se onte mesmo acontecese, que ao non existir instalacións para tal fin tiñan que botar man da imaxinación dos veciños e construir unhas casetas de xestas no lugar onde hoxe están o colexio e o parque infantil. "Traballouse moito —di—, naquela época non había nada feito e recadar o orzamento necesario para poñer a mostra a funcionar non foi nada sinxelo». Segue a pensar e fai unha pausa para continuar lembrando os tempos pasados con agarimo: "Fixemos un libro e chegamos ata Asturias coa lotaría. Pero con vontade, todo se ía facendo".

<p>Inauguración da primeira edición, o 6 de xullo de 1.985. AEP</p>
Inauguración da primeira edición, o 6 de xullo de 1.985. AEP

Con 64 expositores e preto de 30.000 visitantes, o éxito daquela primeira mostra desbordou as expectativas e sentaría as bases de todas as edicións que viñeron detrás. De tal xeito que tan só dous anos despois, en 1987, organizaríase por primeira vez o concurso de gando frisón, convertido hoxe no único que se mantén na provincia e que sobreviviu a todo, "ata ás vacas tolas". En 1988 chegarían as comisións rotativas —antes cinco e na actualidade, seis— cunha ilusión moi clara: o logro dun recinto feiral propio, algo que se acadaría, de novo, grazas ao esforzo dos veciños ao mercar co diñeiro dunha masa forestal os terreos onde se levantou o Manuel Vila, escenario de celebración da Moexmu desde o ano 1991.

Por alí pasarían políticos como Manuel Fraga, escritores como Ramón Piñeiro ou xornalistas como Luis Veiga. Ninguén quería perder a Moexmu. E decidiuse, precisamente na década dos noventa, dar pasos firmes e definitivos cara á súa profesionalización. En 1992 chegaría a Festa da Filloa co obxectivo de obter financiamento e en 1998 José Manuel Rus converteríase no coordinador de ambas, cargo que mantén na actualidade. "O traballo que fai é fundamental", di Tino. "El convócanos a todos e teno todo controlado", engade.

A andaina da Moexmu arrancou un 6 de xullo de 1985 grazas ao esforzo e unión dos veciños de Muimenta

E que desde hai xa máis dun cuarto de século o nome de Rus e o da Moexmu son indisociables, quizais tanto como os propios átomos ao universo. Rus e a Moexmu. A Moexmu e Rus. Cando se lle pide botar a vista atrás, non lle resulta nada difícil. "O primeiro ano estaba moi perdido", conta entre risas para logo engadir: "Aínda lembro cando tiña que traballar cun fax e hoxe faise todo cun móbil!".

E pode ser que combinar a coordinación da mostra con outros labores non resulte sinxelo e lle teña que "roubar horas ao tempo libre", pero Rus recoñece que "todo acaba pagando a pena". Esforzo que tivo a súa maior recompensa o pasado marzo coa consecución do XXIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, o que supuxo para eles "unha honra e un auténtico respaldo a todo o feito ao longo destas catro décadas". E non teñen pensado deterse aí, pois xa están dando os primeiros pasos cara á declaración da Moexmu como Festa de Interese Turístico, un recoñecemento que a Filloa acadou no ano 2008.

Preguntado pola clave do éxito e por como unha feira destas características, que multiplica por quince a poboación da vila ao longo da fin de semana da súa celebración, é capaz de pervivir ao longo de corenta edicións, Rus teno moi claro: "Todo o que fomos logrando estes anos foi grazas á participación de moitas persoas e institucións máis aló de Muimenta. A xente xa considera a Moexmu como algo propio. Non é de ninguén pero, á vez, é de todos".

Concurso de gando frisón no ano 2002. AEP
Concurso de gando frisón no ano 2002. AEP

E razón non lle falta. Porque tamén é un pouquiño de persoas como María Castro, da gandaría Portalousa de Xermade, e que naceu xa coa Moexmu andando. "Ir á mostra é unha tradición familiar, meus pais van case desde que comezou", apunta. A pesar da súa xuventude, ela non queda atrás. "Teño 23 anos e son os anos que levo indo. A parte da pandemia, que non se celebrou, só faltei a unha edición, cando suspendín unha materia e os meus pais me castigaron sen ir", di divertida.

E que esta cita encerra moitos recordos para unha moza que a vive coma unha auténtica festa. "Confesa, María. Que prefires, a Moexmu ou a Hermo?". Pero ela non dubida: "Prefiro ir ao concurso antes que a unha festa. A mostra é un escaparate para a mocidade, faiche ver que si, que se pode vivir do campo. De feito, dunha edición pasada teño unha foto coas miñas amigas diante da discoteca: elas coa roupa de festa e eu coa de traballo".

E como non podía ser doutro xeito, alí volverá estar este ano. "Xa temos todo preparado, só nos queda rematar os últimos detalles. Levaremos uns 20 animais", di María.

Unha cuadraxésima edición na que, ademais do concurso de raza frisona, se poderá atopar practicamente de todo, desde produtos autóctonos e artesanía, pasando por maquinaria agrícola ou vehículos. Toda unha celebración á altura do que xa é un referente para o sector gandeiro a nivel nacional. "Contamos con que veñan entre 10.000 e 12.000 persoas", detalla Rus, quen agarda que iniciativas coma esta "non se perdan nunca". E que así sexa. Longa vida á Moexmu!

Comentarios