Miscelánea de ritmos e versos

Pilar Maseda, Carme Mato, Baruk e Rosana Domínguez crean por "xeración espontánea" Corredores de Sombra, un grupo que pretende vehicular inquedanzas e romper dogmas 

Baruk Domínguez, Carme Mato, Pilar Maseda e Rosana Domínguez, integrantes de Corredores de Sombra. C.ARIAS
photo_camera Baruk Domínguez, Carme Mato, Pilar Maseda e Rosana Domínguez, integrantes de Corredores de Sombra. C.ARIAS

A participación na entrega do II Premio Agustín Fernández Paz, unha das obras do vilalbés e a intención de  crear e vehicular inquedanzas na vila foron os ingredientes que deron forma a Corredores de Sombra, unha agrupación que naceu da man de Pilar Maseda (voz e "medio oído"), Carme Mato (trombón) e Baruk  Domínguez (guitarra), á que se acaba de sumar Rosana Domínguez (voz e "o que me manden").

"Queriamos facer rompente, fartos da poesía convencional, buscar novas fórmulas", explica a escritora  vilalbesa Pilar Maseda, a voz que se colocou na estrea detrás dunha reixa —a metáfora visual—para facer un "alegato polos dereitos humanos e pola xente que está morrendo no Mediterráneo" a través dun recitado alonxado do clásico, con partes con protagonismo dos versos e outras moitas coa única presenza da música.

"Sentinme moi emocionada, subiume a adrenalina e pasámolo estupendamente", valora Pilar, mentres fala  dunha formación que se presentou a ritmo de blues —"despois de varios ensaios e reviravoltas o resultado final quedou moi ben", resume Baruk— pero que pretende ser libre, unha miscelánea sobre o escenario cunha "aposta vangardista" e un "punto dadaísta", de crítica e rebelión contra o establecido.

A formación vilalbesa, con vocación de futuro, presentouse ao público na entrega do II Premio Agustín Fernández Paz 

"Non ten que ser todo purista, a cultura está en moitas cousas, hai que romper dogmas. O noso estilo é a  palabra simple e deixar un lugar importante á permormance, intercambiando palabra falada e cantada",  explican os integrantes dunha formación que naceu case por "xeración espontánea" pero que pretende continuar con pequenas colaboracións, dispostos a ir alí a onde os conviden.

"Gustaríanos que isto sirva para que haxa máis sinerxias e colaboracións, que sirva para inspirar e animar a máis xente, e de tódalas idades, a crear grupos, a facer cousas", din, mentres falan doutros tempos dunha  Vilalba cun aluvión de formacións musicais e incluso poéticas das que quedan poucas e dunha época, a actual, de deserto creativo na que apenas aparecen nomes novos.

Comentarios