Meira, Ribeira de Piquín e Riotorto acollen en xullo baixadas de carrilanas

A asociación Os Meiregos asume a organización dunha proba máis e todas están na Copa de España
Presentación da II Baixada de Carrilanas de Meira. TEÓFILO LÓPEZ
photo_camera Presentación da II Baixada de Carrilanas de Meira. TEÓFILO LÓPEZ

A Asociación de Carrilanas Os Meiregos presentou onte as tres probas que organizará este verán, repartidas nos concellos de Meira, Ribeira de Piquín e Riotorto e que forman parte do calendario da Copa de España de deportes de inercia.

A primeira convocatoria será a de Ribeira de Piquín, que na súa segunda edición pasa a celebrarse en dous días, o 9 e o 10 de xullo. A competición do sábado arrincará ás 15.00 horas, mentres que a do domingo será pola mañá, a partir das 9.00 horas.

Neste caso, o percorrido, de 3,100 quilómetros, comezará no mirador e baixará ata o Chao de Pousadoiro, onde estará a meta.

Presentación de la prueba de Ribeira de Piquín. EP
Presentación da proba de Ribeira de Piquín. EP

As outras dúas baixadas de carrilanas serán a última fin de semana de xullo. O sábado 30, a partir das 15.00 horas, será o turno de Riotorto, que acolle a súa primeira proba deste tipo, cun trazado de 3,100 quilómetros que discorrerá por unha estrada provincial desde o límite coa Pastoriza ata a igrexa parroquial de Santa Marta.

A segunda baixada de carrilanas de Meira —esta edición xa estaba organizada o verán pasado, pero houbo que suspendela no último momento polo covid— será o 31 pola mañá. A saída será desde a Serra de Meira, pasando polo Pedregal de Irimia ata chegar á área recreativa Porto da Pena.

Todas as probas contarán cunha manga de adestramento e dúas oficiais. «O ano pasado en Ribeira de Piquín tivemos 52 participantes e este contamos con que sexan entre 60 e 65, chegados de distintos puntos de España», explicou Jordi Carballal, presidente dos Meiregos.