Medio século vendo nacer a Xesús

O nacemento electrónico acada neste Nadal o medio cento de edicións e, como inicio das celebracións, vén de presentarse a mostra itinerante '50 anos do Belén de Begonte 1972-2022'
undefined
photo_camera Inauguración da mostra conmemorativa dos 50 anos do belén de Begonte, no edificio administrativo da Xunta en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

Nun Xacobeo extraordinario no que o Ano Santo, por deferencia do Papa, son en realidade dous, tamén o histórico belén electrónico de Begonte está de dobre celebración.

Por una banda, neste 2021 acada as 50 edicións, dende aquela primeira ilusión compartida polos dous Xosés —o párroco begontés José Domínguez Guizán e José Rodríguez Varela, artífice das figuras móbiles— que se poñía en movemento no Nadal do 72. Pola outra, o nacemento soprará 50 candeas en 2022 convertido nun referente navideño, tal e como avala a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, alén dos lindes begonteses e chairegos que o viron nacer e medrar e que serviron (e serven) de inspiración para a súa montaxe, baseada no rural.

Estas cinco décadas espallando a maxia do Nadal inspiran a mostra itinerante 50 anos do Belén de Begonte 1972-2022,organizada polo centro cultural Xosé Domínguez Guizán dentro dos actos conmemorativos dun aniversario no que, logo dun último Nadal no que a pandemia supuxo que só se puidesen realizar visitas virtuais ao nacemento a través da renovada web do belén, se retomarán os pases presenciais, facendo os axustes que sexan necesarios.

"Había que celebralo", asegura Xulio Xiz, responsable do colectivo Egeria, que deseñou esta exposición, un "resumo moi lixeiro destes 50 anos", composto por 12+1 paneis: a portada e unha ducia máis nos que se fai un repaso destes 49 nadais previos e de todo o que os rodea. Aí están os certames de debuxo infantil, poesía, xornalismo e arte, que este ano volverán convocarse; os ilustres pregoeiros; as diferentes publicacións ou o tradicional calendario; o emblemático Museo do Belén, onde se gardan figuras, casas ou aquela montaxe orixinal de 1972...

Non faltan tampouco as xentes. Os milleiros de visitas deses dous meses nos que é Nadal en Begonte —o belén abre o primeiro sábado de decembro e pecha o último de xaneiro—; ou os magos do belén, que non son tres, nin veñen de Oriente, nin traen ouro, incenso e mirra, mais sen o seu labor desinterasado, quizais non houbese nin aniversario que conmemorar.

A mostra, cuxa inauguración contou coa asistencia de Xulio Xiz, do alcalde de Begonte, José Ulla, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias —ambas administracións colaboran nesta montaxe e co belén— pode verse na delegación territorial da Xunta en Lugo —de luns a venres, de 10.00 a 20.00 horas, e os sábados, de 9.00 a 14.00 horas— antes de iniciar un percorrido por Galicia.

Creáronse, ademais outras dez réplicas da exposición, montadas en catro prismas triangulares, das que cinco se disporán en lugares fixos e outras tantas circularán pola comarca chairega e polos camiños de Santiago da provincia.

E así, un Nadal máis, e vai xa medio século, Begonte espalla ilusión, memoria e maxia.

O novo bispo, pregoeiro 
En 1972, o bispo Miguel Ángel Araújo bendicía o primeiro belén e dende entón sempre que houbo un novo bispo na diócese de Mondoñedo-Ferrol este exerceu como pregoeiro do Nadal en Begonte. Mesmo o actual bispo de Lugo, Alfonso Carrasco, asumiu este cometido polas súas orixes vilalbesas. 

4 de decembro 
Se as circunstancias o permiten, Fernando García Cadiñanos prolongará esta tradición o vindeiro 4 de decembro, no decurso da tradicional celebración relixiosa na igrexa de San Pedro de Begonte, nunha xornada na que tamén se inaugurá o belén cos primeiros pases e as primeiras visitas.

Comentarios