TALES PAIS, TALES FILLOS

"A mecánica gústanos e é unha boa forma de botar máis tempo xuntos"

Alfonso Ansede, de 60 anos, e o seu fillo Adrián, de 34, traballan xuntos no mesmo taller mecánico de Guitiriz dende que o proxenitor apostou polo negocio 

Talleres Alfonso Ansede, en Guitiriz. C.PÉREZ
photo_camera Talleres Alfonso Ansede, en Guitiriz. C.PÉREZ

Alfonso levaba máis de dúas décadas  traballando na Renault de Guitiriz cando pechou e decidiu abrir o seu  propio negocio, Talleres Alfonso Ansede, na Avenida da Coruña. "Foi unha época difícil pero xa tiña contactos dos clientes do antigo taller", explica o propietario, que iniciou a súa aventura profesional co seu fillo, Adrián.  Levan case 15 anos xuntos e non o cambian.

"Entrou ao principio. El sabía algo, xa fixera prácticas conmigo na Renault e seguiu formándose", di o pai, que asegura que a paciencia se mantén e que traballar man a man co seu fillo "é unha forma boa de botar máis tempo xuntos".

"Non discutimos moito e o da mecánica gustoulle dende que era pequeniño, mamouno de sempre", explica.

"Era como se o levara no sangue, dende neno", di Adrián, e fala dos pros e dos contras de ter como xefe a seu  pai. "Traballas algo máis porque tamén te involucras máis. Ao mellor, se traballara noutro sitio, ao rematar as oito horas desconectaba, pero aquí sempre levo deberes na cabeza. Algún coche creo que o amañei durmido", di.

E fala das vantaxes: "Se queres librar un día non tes que dar moitas explicacións".

Talleres Alfonso Ansede. Mecánicos man a man 
Alfonso Ansede e o seu fillo, Adrián, son os únicos traballadores do taller. "Houbo outro rapaz pero agora estamos nós os dous", di o responsable do negocio, acostumado dende que se independizou co seu propio proxecto a traballar man a man co seu fillo. 

Comentarios