Martiño Maseda: "Os certames culturais fomentan o espírito crítico"

O poeta vilalbés acaba de gañar un novo concurso literario 
Martiño Maseda. S. IGLESIA
photo_camera Martiño Maseda. S. IGLESIA

A pluma do vilalbés Martiño Maseda produce tantos versos como premios, case. No mes de xullo foi finalista, xunto a Adolfina Mesa, no Festival Literario Internacional Paris Ne Finit Jamais e agora acaba de conseguir o primeiro premio do I Concurso de Poesía Rural San Xoán de Río.

Que significa este novo premio?

Todos son iguais, sempre son unha satisfacción e unha alegría. E, neste caso, coma se encetase unha bola de pan desas que amasaba a mamá e despois cocía no forno de leña cada vez que facía unha fornada, parece ser que me tocou encetar como gañador este concurso e e este tipo de larpeiradas literarias prestan tanto coma a miga daquelas bolas. A miña gratitude ao xurado.

Responsable de Culturalia GZ e involucrado na promoción de varios certames literarios, que lle parece que xurdan novos?

Combino unha cousa con outra, certames e escrita, pero non sei estar sen escribir. Está moi ben que xurdan novos certames e animo á xente a participar e a organizalos. Que existan estes certames culturais, independentemente de que disciplina sexa, é moi positivo porque fomentan o espírito crítico. Neste último certame falabase de rural e igualdade.

Que aborda o seu poema?

Salvando moito as distancias, tomei como exemplo os meus pais e falei das mans da muller que labraba a terra e coidaba a todos na casa e da forza dos dedos do pai, que traballaba no campo pero despois lavaba as mans, non só no xeito literal, senón tamén na idea de desentenderse do resto das tarefas domésticas. E o fillo, aínda que eu son moi escéptico e creo que aínda hai moitas eivas, loitaba pola igualdade.

Nestes tempos de pandemia, tamén colaborou coa Uned Sénior nunha clase literaria.

Foi algo puntual, falei do que supón para min escribir e animeinos a eles a facelo. Agardo que lles agradase.

Comentarios