Marmelada con selo vilalbés

Sonia López, de Belesar, produce nunha hectárea de terreo ao redor de 5.000 quilogramos de arandos ao ano cos que elabora unha saborosa conserva ecolóxica e doce 
Sonia López, cun bote de marmelada ecolóxica, na súa finca de Belesar. EP
photo_camera Sonia López, cun bote de marmelada ecolóxica, na súa finca de Belesar. EP

Os Arandiños. Esa é a marca rexistrada baixo a que Sonia López, produtora de arandos da parroquia de Belesar, vende unha saborosa e ecolóxica marmelada con selo vilalbés.

En 2012 iniciou a primeira plantación deste froito nuns terreos que herdou ao carón da casa dos seus pais, despois de que unha empresa de Asturias se puxese en contacto con ela para mostrarlle o seu interese por alugar as terras.

"Decidín investigar, incluso fun ata Asturias co meu marido, e ao final apostei por plantar eu mesma media hectárea", recorda Sonia, que tres anos despois ampliou a súa produción ata a hectárea completa, aproveitando o ben que se dan os arandos nesta zona "debido ao PH da terra".

"Recollemos ao redor de 5.000 quilos ao ano", cifra a produtora vilalbesa, que pese á gran cantidade que supón para un particular, recoñece que o rendemento económico non é tan abultado.

A vilalbesa soña con poder diversificar algún día o seu negocio, elaborando outros produtos como zumes ou licores

"Aí é cando chega a decepción. Porque non hai grandes diferencias entre o que se paga pola produción convencional e pola ecolóxica, que é toda artesanal e se fai de maneira manual. A diferencia pode rondar os dous euros, non máis", precisa Sonia, que hai tres anos vendeu parte da súa produción a Agra das Mil Medas da Coruña —tamén o fixo no último ano— e o pasado probou sorte exportando os arandos a Cantabria "pero os portes son moi elevados e os prezos moi tirados, así que non compensa mandalos fóra".

De cara ao futuro, gustaríalle diversificar o seu negocio, mesmo preparar un local para poder elaborar diferentes produtos, "dende zumes a licores ou arandos deshidratados, que comezan a funcionar moi ben".

"O fundamental é ofrecer algo diferente ao que haxa no mercado", afirma Sonia, cuxa marmelada conta co selo do consello regulador de agricultura ecolóxica de Craega, o que certifica que é un produto de categoría.

"Cando empecei moita xente non probara nunca os arandos nin os coñecía, hoxe vai collendo máis peso no mercado, pero falta recorrido", recoñece a produtora vilalbesa, quen xa está presente tamén en redes sociais para seguir expandindo un negocio que iniciou con ilusión dende cero. 

Comentarios