María Castro: "A xente pensa que vivir do rural é como antes, que non evolucionou"

Coas ideas moi claras pese á súa xuventude, esta moza xermadesa, recentemente nomeada secretaria de Africor Lugo, non deixa de formarse e aprender para levar o mellor posible a granxa familiar, da que é socia dende hai un ano e na que están inmersos en obras e ampliacións para mellorar o benestar dos animais e das persoas.
María Castro López. M.ROCA
photo_camera María Castro López. M.ROCA

Con só 21 anos, a xermadesa María Castro López xa leva un como socia da gandeiría familiar Portalousa de Xermade e vén de rematar o ciclo superior de Gandeiría e Asistencia Sanitaria Animal. Estudar Enxeñería Agrónoma é o seguinte paso para unha moza que xa ocupa un cargo na directiva de Africor Lugo e que quere seguir formándose para vivir dun sector no que o relevo xeracional é a excepción sobre a norma.

Recentemente foi nomeada secretaria de Africor Lugo. Como foi a súa elección?

Hai unha lista coas granxas de cada concello e cada zona escolle o seu delegado. Do total, vótase e os máis votados ocupan, por orde segundo o número de votos, os postos da directiva. Meu pai, que levaba 20 anos nela, non quería seguir porque dicía que tiña que entrar xente nova, así que apunteime eu, pero non contaba con saír. El estaba na votación e avisoume de que fora a terceira máis votada da provincia.

Cales son as súas funcións?

Eu son a que firma os papeis (ri). Temos varias reunións e de momento estamos que non se pode facer gran cousa, porque non hai concursos nin poxas. Organizamos hai pouco unhas charlas online, pero esperamos poder empezar pronto cos actos presenciais.

É a primeira muller que ocupa un cargo na directiva de Africor Lugo. Como se sinte ao respecto?

Hai que ir rompendo barreiras deste tipo. Igual que se ve mal ou raro que se queden nas granxas a xente nova ou unha muller, por andar con maquinaria grande ou ser un traballo físico, cos cargos é un pouco o mesmo. Sen querer, porque sempre foi así, normalmente para eles se apunta o home, non a muller, porque é o que se presupón que ‘entende’ desas cousas. Ademais, non hai relevo xeracional e hai xente maior que se estraña cando ve unha muller nova e cun cargo. Ás veces para saúdar non saben ben se darche a man ou dous bicos (ri).

Como decidiu seguir coa granxa familiar?

As vacas sempre me gustaron, vivín toda a vida no medio delas. Estudei BAC en Vilalba e miraba as carreiras e non me chamaba ningunha, e pensei que para qué ía facer algo que non me gustaba tendo na casa algo que si. E planteeino na casa, coa idea de formarme o mellor posible para levar a explotación e xa me incorporei como socia en xaneiro do 2020.

Por que cre que chama tanto a atención casos como o seu, de xente nova que se fai gandeiro?

Porque antigamente non era visto como un traballo. Era como algo que tiñas na casa, como unha excravitude. Os nenos ían ao colexio e pola tarde alindar as vacas a un prado. Agora é excravo, pero menos, xa que tes vacacións, empleados, está todo moi mecanizado... A xente pensa que é como o de antes, que non evolucionamos.

Están actualmente con obras de ampliación nas instalacións.

Temos 280 animais, dos que en ordeño hai 120. Acabamos de poñer dous robots de muxido, duplicarase o espazo da nave de vacas secas e imos poñer enfermería e parideiras onde era antes a sala de ordeño e amamantadeiras para os becerros. A maiores fíxose unha balsa para purín e un silo.

Que obxectivo perseguen?

O obxectivo é o benestar dos animais e das persoas. Cos robots, as vacas non teñen os horarios tan marcados. Antes había que muxir dúas veces ao día e estar na sala catro horas e agora entran elas cando queren ou as vas metendo e mentres fas outras cousas. É outra maneira de traballar, é máis liviano e flexible no horario.

Teñen algún proxecto de futuro?

Máis a largo plazo, poñer un terceiro robot de muxido. Máis inmediato, pasar a facer tres muxidos ao día e subir a media de 34 litros por vaca e día a 38 ou 40, mantendo as calidades que temos.

Tamén forman parte da SAT Xercas. Como funciona?

É un centro de recría entre catro socios, nós e a SAT Cavadas e as gandeirías Pernas e Casa Gil. Xurdiu pola falta de espazo nas casas e de man de obra. Lévanse as becerras con seis meses e volven próximas ao parto, dous meses antes. Cada semana aténdea un socio.

Como ve o sector gandeiro?

Cada vez hai un maior número de explotacións, que cada vez son máis grandes. A xente empeza a entender que para isto tamén se hai que preparar, ter coñecementos básicos de pinchar vacas, inseminar, o manexo dos animais, os cultivos, alimentación, manexar maquinaria, xestións no ordenador, facturas, empregados...

Como lle afecta a pandemia?

Afectou máis ao tema cárnico que ao de leite. Durante o confinamento, o consumo de leite aumentou, que pensabamos que non sería así ao pechar colexios e bares, e o prezo segue sendo o mesmo. En cambio a carne de terneira baixou o consumo, porque é máis cara que outras, pero estase recuperando, aínda que o prezo é máis baixo que antes.

Ten futuro?

Ao final acabaremos sendo un número moi reducido de explotacións, pero serán as chamadas gandeirías XL, de 500 cabezas para adiante. E estarán moito máis modernizadas, informatizadas e profesionalizadas, porque haberá que contar con persoas que che leven temas, como un veterinario, un administrativo, un técnico... Creo que esa profesionalización pode axudar a que estea mellor visto traballar nunha gandeiría.

Será necesaria máis formación.

Si, a xente deberá formarse máis. Por iso sería importante que houbera máis ciclos e formacións. Que en Galicia, que é tan rural, haxa só dous ciclos superiores e un é concertado é surrealista. Se non se potencia un sitio rural como este, mal vamos. Teñen que dar oportunidades, que fagan que isto teña saída, que o promocionen, que é un traballo como outro calquera e que disto tamén se pode vivir, incluso tendo bastante flexibilidade horaria.

De preto
"Gustaríame ir a Menorca, porque me parece moi bonita e hai moitas granxas de vacas"
De pequena quería ser...
Tantas cousas... cada día unha. Quixen ser fotógrafa, bombeira, camarera, criminóloga... A gandeiría gustábame, pero ata que tiven máis sentido non sabía que me quería dedicar a ela.
Unha afección.
Antes a fotografía, agora menos. E os concursos de vacas, pero non hai.
Que fai no tempo libre?
Aínda que a xente non o crea, isto permíteme ir de festa, quedar coas miñas amigas, ir de compras... O que máis me gusta son os animais, gústame ir ver granxas ou hípicas coas miñas amigas e mirar como son. Son moito de ir mirar gando por aí.
Un lugar.
A nosa explotación.
Un libro.
Gústanme os libros en galego. O último que lin foi ‘Fariña’, porque me gustou moito a serie.
Un grupo de música. 
O meu favorito é Fito y los Fitipaldis. Tamén me gusta o Grupo Beatriz. Teño uns gustos moi variados (ri).
Unha viaxe que lle gustaría facer.
A Menorca, porque me parece moi bonita e tamén hai moitas granxas de vacas. Será por eso polo que me tira (ri).
Portalousa está nas redes sociais, ocúpase vostede?
Non, eso lévao a miña irmá maior, pero consulta sempre antes.
 
 
 

Comentarios