A Maquinaria nunca patina

Cospeito despediu este domingo a trixésima edición da súa gran feira con éxito de público e vendas

Hai feiras que sempre funcionan e nunca patinan. Pase o tempo que pase. Unha delas é a de Maquinaria Usada, Artesanía e Antigüidades de Cospeito, que despediu este domingo a súa trixésima edición cultivando un novo éxito de público e vendas.

Foron miles as persoas que percorreron o inmenso recinto feiral no que se converteu a capitalidade municipal de Feira do Monte para gozar dunha animada xornada, na que ademais brillou o sol con forza, o que animou aos compradores.

Máis dun centenar de expositores de maquinaria nova e usada, decenas de casetas de anticuarios chegados desde distintos puntos de Galicia e Asturias, ademais de artesáns, floristas e postos ambulantes de comida ou roupa. A gran variedade é un dos principais atractivos desta feira consolidada no calendario chairego, que quixo ampliar aínda máis a súa oferta con outra gran novidade.

Así, o espazo fronte á casa consistorial de Cospeito transformouse este domingo nun aparcadoiro de coches clásicos, unha concentración numerosa á que se sumaron medio centenar de turismos chegados desde moi diversas procedencias.

A segunda xornada contou cunha concentración de vehículos clásicos como principal novidade

Para premiar a súa participación, o Concello outorgou varios galardóns. O primeiro ao condutor máis veterano, que recaeu en Luis da Coruña, que viaxou ata Cospeito nun Fiat Spider 2000. O premio ao participante chegado desde máis lonxe foise para Higinio Menéndez, que acudiu desde Asturias cunha furgoneta MB 120, e o que mostrou o vehículo máis antigo foi José María, que asistiu á concentración cun Mercedes 220 S do ano 1956.

A gran resposta dos afeccionados aos coches históricos, así como a boa aceptación do público, animan a pensar que esta proposta pode ter continuidade no tempo, e vestila aínda máis cunha "pequena ruta polo"concello , segundo indicaron desde a organización.

"Estamos moi orgullosos, satisfeitos e agradecidos a todos aqueles que nos quixeron acompañar durante esta feira", manifestou o rexedor, Armando Castosa, que considera que o balance da mesma "é único". "É un colofón extraordinario a estas tres décadas da feira de feiras, que xa é un referente a nivel de Galicia e, por suposto, de toda Terra Chá".

Comentarios