Manxares vilalbeses en homenaxe a Don Carnal

O concello, coa colaboración da asociación de empresarios Sete Pontes, promove o primeiro Entroido Gastronómico, no que participan un total de 21 locais en catro modalidades diferenciadas e que remata este venres e sábado
A pizza campesina, que leva grelos, é unha das propostas do Entroido Gastronómico. M.ROCA
photo_camera A pizza campesina, que leva grelos, é unha das propostas do Entroido Gastronómico. M.ROCA

O Concello de Vilalba apostou neste mes de febreiro por poñer en marcha o I Entroido Gastronómico, unha iniciativa que trata de potenciar os produtos locais e a cociña propia destas datas que contou coa colaboración da asociación Sete Pontes e á que se sumaron un total de 21 locais de hostalaría do municipio.

O certame, que arrincaba o pasado 7 de febreiro e se celebrou as fins de semana, culmina este vernes 21 e sábado 22, xornadas nas que veciños e vistitantes terán a última oportunidade para saborear os tributos a Don Carnal xurdidos dos fogóns vilalbeses. E poden facelo combinando algunha das catro modalidades coas que conta esta convocatoria: cocidos por encargo, no que participan seis locais;  menús degustación, tamén con media ducia de opcións; combinados, con dúas propostas a saborerar; e tapas, cunha ruta cunha decena de pratos.

Para fixar os prezos das propostas deixóuselle total liberdade a cada negocio, dada a diversidade existente entre as posibles ofertas culinarias, igual ca cos horarios, salvo para a degustación de tapas, que este venres e sábado volverán ser de 13.00 a 15.00 e de 20.00 a 23.00 horas.

Na presentación deste primeiro Entroido Gastronómico, tanto a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, coma o concelleiro de Turismo, Modesto Renda, animaban aos veciños a catar as propostas e desexaban que a proposta servise para atraer xente de fóra. Con este obxectivo tamén se procurou darlle difusión a iniciativa, ademais de nos negocios participantes, en albergues de peregrinos ou oficinas de turismo.

"Estase a notar a afluencia de xente de fóra", avanza Modesto Renda sobre as primeiras valoracións que lle transmitiron algúns dos hostaleiros participantes. Aínda así, o balance definitivo e as conclusións sobre estas xornadas faranse nos vindeiros días, cando está prevista unha reunión á que están convocados todos os hostaleiros para analizar o funcionamento da proposta e estudar que cousas se poden cambiar ou mellorar de cara a futuras edicións.

O concelleiro de turismo precisou ademais que, en colaboración con Sete Pontes, xa se están a barallar novas propostas de dinamización do sector hostaleiro e que o máis inmediato será repetir, pero con moitas novidades, as xornadas centradas no porco celta

Filloas recheas, unha das tapas do Entroido Gastronómico. C.PÉREZ

As propostas do I Entroido Gastronómico de Vilalba
Cocidos por encargo
Mesón do Campo 982.51.02.09
Terra Chá 982.51.17.02
Lanzós 982.51.02.77
Parador de Vilalba 982.51.00.11
A Madalena 982.51.19.26
Cascudo 982.51.21.72

Menús degustación
Casa do Rouco Sopa de cocido ou caldo galego, cocido e filloas e orellas
Montero Sopa de cocido, cocido e filloas, orellas ou rosquillas 
Lembranzas Caldo, lacón con grelos e chanfaina e queixo con mel
Naseiro Sopa de cocido, cocido e rosquillas ou filloas
Americans Pizza Campesina (mozarella, tomate, chourizo, grelos e queixo)
Xoldra Tortilla de cocido con patacas, ovo, aceite de oliva, garavanzos, grelos, chourizos e lacón

Combinados
80/20 Cocktail Lounge Mojiño (xastré, xarope de mel da Serra da Carba, zume de limón, hierbabuena e soda). Licor chafé (vodka, licor café especial, xarope de mel da Serra da Carba e café só)
Topaz Don Carnal (orujo, crema de leite e canela)

Tapas
Xoldra Filloas recheas de crema de queixo de San Simón con cebola caramelizada e piña / Filloas recheas de grelos, chourizo, lacón e crema de garavanzos
A Casa do Lobo Tapa especial de cocido (garavanzos, orella, pataca ,grelos e cacheira)
Lembranzas Lacón con grelos e cacheira / Androlla con grelos e cachelos
Porrón Surtido de Entroido
Mesón do Campo Bola de Entroido
Alborada Tapa especial de cocido e filloas
Stama Androlla con grelos
Oasis Filloas e xamón á feira
O Porrás Lacón con grelos
Luar Tapa especial de cocido ao Luar

Comentarios