Manuel López: "O poemario artéllase case coma unha obra de teatro"

O escritor de Noia sumará en breve á media ducia de obras que xa ten na rúa o poemario ‘Breve peza dramática para figurantes Z’, grazas ao premio do Concello de Guitiriz, dotado con 2.000 euros e a súa publicación a cargo de Espiral Maior
Manuel López Rodríguez. EP
photo_camera Manuel López Rodríguez. EP

Manuel López Rodríguez (Noia, 1978) leva polo menos unha ducia de premios nos últimos anos, sempre poéticos, porque, di el, é onde fai o que mellor sabe dende que, con 16 anos, descubriu todo o que se podía contar nun verso. Como facía Xosé María Díaz Castro. E os nomes dos dous poetas acaban de quedar vencellados para sempre, ao gañar o noiés a sexta edición do premio que leva o nome do vilarego. E aínda o estarán máis o domingo 3 de xullo, cando se faga efectiva a entrega do galardón, nun acto que terá lugar na Casa Habanera de Guitiriz, ás 11.30 horas, e que servirá de clausura para o II Festival de Poesía Guitirica.

Cal foi a sensación ao recibir a chamada?

Pois a sensación é, como acostuma ser nestes casos, de ledicia. Non só pola importancia do premio, mais tamén polo que o Díaz Castro significa. Alén do recoñecemento, publicar un libro en Espiral Maior sempre é causa de ledicia.

Os premios veñen despois como un recoñecemento a maiores, cousa de agradecer, mais o obxectivo xa está acadado no intre no que rematas o poemario e observas o equilibrio da obra"

Leva xa unha chea de premios, catro no que vai de ano, que lle achegan?

A verdade é que non sabería responder a esta pregunta. A satisfación está no traballo da escrita, na experimentación, en percorrer camiños que nunca antes fixera, na teima obsesiva da procura da perfección a través da literatura. Os premios veñen despois como un recoñecemento a maiores, cousa de agradecer, mais o obxectivo xa está acadado no intre no que rematas o poemario e observas o equilibrio da obra. Polo demais é certo que nos últimos dous anos fun premiado en bastantes ocasións, coido que en doce ou 13. Alédame saber que aquilo que escribo é do gusto dos membros dos xurados e, sobre todo, dos lectores que mercan os libros.

Como xorde este poemario? E o título?

O poemario artéllase case como unha obra de teatro onde os personaxes non interactuan entre si. Agás o coro, omnisciente neste caso, case ningún personaxe coñece aos demais. Son multitude que non se percibe no común. Actúan como zombis, desde a melancolía, a tristeza, a desrealización… O título fai referencia a todo isto.

Escribo co obxectivo da perfección estética, formal... nunca pensando en certames ou nin sequera nos lectores potenciais"

Que o levou a participar no certame de Guitiriz?

Supoño que, como case todo o importante na vida, por casualidade. Non escribo nunca pensando en certames, nin sequera nos lectores potenciais.  Escribo co obxectivo da perfección estética, formal… algo imposíbel de acadar, mais é o que nos achega ao que somos, ao feito abstracto, á capacidade de observar a realidade dun xeito humano, racional, non figurativo.

Coñecía a Díaz Castro?

Coñezo, claro. A el e á súa obra.

Desde cando sente afeción pola poesía?

Desde os 16 anos. Nunha clase de literatura do instituto unha profesora esmiuzou un poema diante dos que eramos os seus alumnos e para min foi unha descuberta importantísima. Dende ese intre comecei a ler e a escribir poesía, e até hoxe.

A miña actividade poética vai parella ao activismo cultural, en xeral. A cultura, a arte, a literatura… é o que nos fai humanos"

Sempre poesía?

Por agora no meu caso si. É onde fago o que mellor sei facer. Mais tamén é certo que gusto moito de experimentar con outras disciplinas: pintura, fotografía, vídeo… Ás veces preciso fuxir da escrita para rachar a comodidade. 

Forma parte de diversas inciativas poéticas. Cómpre darlle visibilidade ao xénero?

Supoño que si. Digamos que a miña actividade poética vai parella ao activismo cultural, en xeral. A cultura, a arte, a literatura… é o que nos fai humanos, ou cando menos aquilo que eu desexo que sexa un ser humano. Sen cultura a vida ten aínda menos sentido.

Comentarios