Manuel López avala os bos momentos da poesía ao recoller o Díaz Castro

A entrega de premios das sextas edicións do certame que convoca o Concello de Guitiriz e do concurso de micropoemas Vilariñas da NPG serviu para pechar o II Festival de Poesía Guitirica
Airado, Landesa, Vázquez, López, Morandeira e Ríos, trala entrega de premios. C. PÉREZ
photo_camera Airado, Landesa, Vázquez, López, Morandeira e Ríos, trala entrega de premios. C. PÉREZ

"Son dos que pensan que a poesía vive momentos bos, os mellores da historia da humanidade, non só en Galicia, senón en todo o mundo, aínda que é unha mágoa que siga sendo un xénero minoritario", dicía o escritor Manuel López Rodríguez ao recoller, de mans da alcadesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, o diploma e a "pinga" que o acreditan como gañador do VI Premio Díaz Castro de Poesía, galardón convocado polo Concello e recompensado con 2.000 euros e a publicación da obra con Espiral Maior.

López, que recitou un dos textos de Breve peza dramática para figurantes Z, agradeceulle ao xurado -formado por Miguel Anxo Fernán Vello, presente no acto, Ánxela Gracián e Armando Requeixo- o teren escollido o seu libro, así coma á organización do premio, e tivo tamén palabras para a súa familia, especialmente para a súa nai.

Non foi o único «ilusionado» autor que subiu ao escenario da Casa Habanera para recoller un galardón, pois no que foi a clausura do II Festival de Poesía Guitirica, promovido polo Concello e a NPG, tamén se fixo entrega das tres figuriñas de Viki Rivadulla que reciben os galardoados no concurso de micropoemas Vilariñas que organiza o colectivo Nova Poesía Guitirica e que tamén acadaba a súa sexta edición.

"Bordar cun fío de lúa/no devalo dos teus ollos/un trebón de versos mornos" é o texto, ilustrado cunha imaxe de bordado, que lle reportou o terceiro posto a María Álvarez Landesa, quen explicou que a súa vilariña xurdiu "dun xeito espontáneo, nun tempo no que estaba doente na casa, sen poder saír", e lle deu por facer algo que non facía de cotío, bordar.

"Síntote respirar/a través das xemas puídas/dos teus dedos de papel e estigma", escribiu Fran Fernández Davila para facerse cun segundo premio que non puido recoller en persoa. Quen si estivo foi a gañadora, Teresa Ríos, quen, logo de afirmar que «os soños veñen cando un menos o espera", lembrou que as vilariñas se poden ver, enchendo Guitiriz "de cor e poesía", nas farolas durante todo o mes, entre elas a súa: "Só posúo auga/para limpar abismos".

A poeta Luz Airado, da NPG, foi a encargada de conducir o acto que pechou un festival que converteu Guitiriz "na capital da poesía galega", e que contou tamén coa presenza da concelleira Pilar Vázquez e coa actuación de Roger de Flor e Pedro Montilla.

Comentarios