Manuel Ángel Carreira: "A cultura ten que valorarse a si mesma e reclamar a atención, non vale queixarse"

O pintor lugués, residente na Terra Chá, vén de gañar o primeiro premio no Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán, en Begonte, coa súa obra ‘Máis alá dunha vida’, na que o retrato das súas emocións e da súa familia conquistaron ao xurado por segunda vez.

Manuel Ángel Carreira coa súa obra. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Manuel Ángel Carreira coa súa obra. VICTORIA RODRÍGUEZ

Grandes pintores foron fieis usuarios do óleo, como Da Vinci ou Tiziano. Salvando as distancias, temporais e históricas, a parroquia da Rigueira, na Pastoriza, tamén conta cun acérrimo fan desta técnica. Manuel Ángel Carreira, lugués de nacemento e pastoricense de corazón, goza da pintura e empápase do seu contorno para plasmalo en lenzo.  

Vén de gañar o Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán, de Begonte. E non é a primeira vez...
Certo. Xa gañara hai dez anos, pero desta vez púxenme especialmente contento porque gañou un cadro que reflicte as miñas emocións. Fíxeno hai un tempo e, como non quería vendelo, decidín presentalo a este concurso.

Como é esa obra?
Pois a temática en ‘Máis alá dunha vida’ xira arredor de meu pai, que faleceu. Hai dúas partes no cadro. Na parte dereita, onde é día, estamos os meus sete irmáns, miña nai e eu, e na esquerda é noite, que é onde está meu pai co coche que tiñamos cando eu era pequeno e el saúdanos dende alí.

Nunha entrevista de 2009 dicía que estaba intentando quitar persoas e paisaxes das súas obras para retratar só a esencia. Reto logrado?
Para nada. Teño que dicir que intentei facer un cadro abstracto que non represente nada real, que só con cores e texturas sexa capaz de transmitir emocións, pero penso que ninguén o logrou de momento. Porén, tamén penso que en moitas obras escóndese algo desa arte abstracta pola disposición das cores, das formas... 

"O cadro gañador xira arredor de meu pai, que nos saúda aos meus sete irmáns, á miña nai e a min dende onde el está"

Pode ser que moitos non conseguiron aínda entender ese tipo de arte?
O público non ten por que entender un cadro, ese é labor do artista: comunicar e facerse entender. Á xente ou lle gusta ou non lle gusta, pero non ten por que recaer sobre ela a responsabilidade de comprender. É o pintor o que ten que esforzarse.

O mercado está mal?
Hai moito artista que se queixa porque é un incomprendido e o mercado non responde, pero iso non vale. O que vale é traballar. Para empezar, a cultura ten que respectarse a si mesma e nós temos que facer cousas que se vendan soas, que atraian a atención do público. De nada serve queixarse.

Cambiou moito o sector duns anos para aquí?
Moito. Antes era algo máis exclusivo e agora é un mar inmenso,pero iso pasa en todo: no xornalismo, na literatura, na música... Actualmente é máis fácil entrar, pero é unha xungla na que entra de todo, tamén ‘pseudoartistas’. Aínda que estes xa os había no século XX coa aparición dos medios de comunicación.

O grafiteiro Banksy podería ser un ‘pseudoartista’?
Banksy é un fenómeno sociolóxico, non artístico. Considero que non ten ningunha obra que reúna a suficiente calidade. Parécese bastante ao acontecido con Andy Warhol, que acadaron o seu prestixio a través da popularización que se fai dalgunhas cousas, ata chegar a incluílos no ámbito da arte. Que fixeron estas persoas? Ser vistos e recoñecibles, porque pode haber por aí graffitis marabillosos e nunca chegan a ser famosos.

Pódese vivir só de pintar?
Eu vivo só diso e non se pode facer sempre o que nos apetece. Tes que respectar aos clientes, polos que me sinto moi arroupado. Téñoos a todos enganados, pensan que pinto ben, pero non é así (ri). Ademais, gústame moito cando me dan ideas para os retratos que fago. Se te fixas no brillo dos ollos, nas engurras, na maneira de xesticular... Todo iso cóntanos historias desas persoas e a min paréceme moi divertido.

"Aos nenos esíxeselles demasiado, ter éxito, cando o que hai que ensinar é a fracasar. Todos fracasamos"

Como definiría a súa obra?
Arte desentendido. Son incapaz de facer unha valoración obxectiva, porque o que fago é pasalo ben, sen máis, aínda que cada vez son máis maniático e detallista. Pero se hai algo que fixen ben foi facer recoñecible o meu estilo.

Que material emprega?
Óleos e acrílicos, pero o material fundamental para unha obra son as emocións.

Pensou en cambiar algo da súa técnica?
Si, pasóuseme pola cabeza pintar en branco e negro pero non son capaz, entristéceme. Nin me gustan as liñas rectas nin os ángulos. Só pinto con cores porque me fai máis feliz.

Hai algo do neno que foi nese xeito de pintar?
Os grandes mestres da pintura son nenos. Cando empezamos a ter vaidade e ter que demostrar algo, perdemos o xenio que levamos dentro. De feito, o mellor cadro que fixen calqueino dun debuxo feito por un cativo que mo prestou. Agora aos nenos esíxeselles demasiado, ter éxito, cando o que hai que ensinar é a fracasar. Todos fracasamos.

Cando comezou a adicarse a isto?
Dende que teño memoria debuxo e en 1995, cando traballaba vendendo coches, dinme conta de que con 30 anos aínda estaba a tempo de reconducir a miña vida. Atopei esta casa da Rigueira nun anuncio e aquí estou.

Que plans ten?
Quero facer algún lenzo grande e, basicamente, ser feliz para facer cadros que transmitan esa felicidade.

"Encántame escoitar falar aos gandeiros de por aquí, porque saben de todo"
En que se inspira?
En todo o que me rodea e me cause algún tipo de sensación.
Gústalle concorrer a concursos?
Moitísimo, porque me serven para experimentar. Sobre todo os de pintura rápida como o de Rábade ou o de Lugo, pero tamén fun a Jaén, Cáceres, Santander...
Gústalle viaxar?
Só cando vou facer algo, como cando asisto a eses concursos.
Unha afección?
Encántame ler sobre arqueoloxía ou gandería, especialmente escoitar falar aos gandeiros de por aquí, porque saben de todo.
Un recuncho chairego?
A fonte da Margarita, en Vilarente (Abadín).
E de Lugo?
A Praza do Cantiño.
A nivel nacional?
O norte esquecido de Castela, como Palencia. Quizais porque non levo expectativas e son lugares que sempre me acaban sorprendendo. En España non sabemos o que temos e en Galicia, menos.
Se ten que elixir un museo?
O museo etnográfico de Grandas de Salime, en Asturias. É unha viaxe no tempo.
Cal é o seu pintor favorito?
Calquera neno.
E a súa obra?
‘El grito’ de Munch.
Que é para vostede pintar?
É un xeito de vivir das ocorrencias e dos soños.

Comentarios