Mans Unidas celebra o seu festival solidario o día 23 no auditorio vilalbés

A cita, que recadará fondos para un proxecto en Kenia, inclúe varias actuacións musicais e diálogos humorísticos

Mans Unidas de Vilalba organiza este sábado, día 23, no auditorio, a partir das 20.00 horas, o seu tradicional festival solidario, que busca recadar fondos para un proxecto en Kataboi, Turkana, ao noroeste de Kenia.

"As Irmás Misioneiras de Cristo Crucificado solicitan fondos para mellorar a nutrición infantil e o empoderamiento das mulleres", explican desde a entidade, recalcando que "ao tratarse dunha sociedade patriarcal é frecuente os malos tratos e os matrimonios de conveniencia".

O importe total do proxecto, que beneficiaría de forma directa a 523 nenos e 15 mulleres –e indirectamente a 1.232 persoas máis–, ascende a 47.137 euros.

Desde Mans Unidas animan a todos os veciños a colaborar coa iniciativa, asistindo ao festival que, un ano máis, estará conducido por María Xosé Lamas.

A entrada, que pode adquirirse a través dos integrantes da entidade ou o propio día no despacho de billetes, terá un custo de cinco euros.

Os asistentes poderán gozar de varias actuacións. Así, está previsto que mostren o seu traballo Jin Tony"s Son, un grupo musical afeccionado das Pontes que iniciou a súa andaina en 2008 e presentará versións de temas rock, pop, blues e jazz. Estrela Naseiro e Carmen Gómez Mato participarán representando varios diálogos humorísticos, que esperan espertar o sorriso dos presentes. Para rematar, actuará tamén o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, con máis de 100 anos de historia.

Comentarios