'Manifesto 25N' recolle 30 traballos que reflexionan sobre a violencia de xénero

A publicación nace dun certame creativo convocado pola Asociación Cultural Caldaloba en novembro e que contou con máis de 70 achegas
Autoridades e varios autores, na presentación da obra, onte no Pazo de San Marcos.
photo_camera Autoridades e varios autores, na presentación da obra.

A Asociación Cultural Caldaloba presentou onte no pazo de San Marcos a obra 'Manifesto 25N', unha publicación que recolle unha trintena de traballos remitidos a un certame creativo impulsado pola entidade en novembro coincidindo co Día Internacional da Violencia contra a Muller.

O volume, editado por Alvarellos e no que tamén colaboraron a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba, inclúe 30 das máis de 70 achegas coas que participaron creadores de toda Galicia, en forma de poemas, narracións, colaxes, debuxos, ilustracións, pinturas ou caligramas con diversos enfoques.

A presidenta da asociación Caldaloba, Montserrat Fernández, indicou que a iniciativa naceu para "poñer o foco de interese nas persoas, nas mulleres, nas vítimas tanto directas como indirectas, para sensibilizar e manifestar a nosa máis absoluta repulsa e condena das desigualdades e da inxusta situación de inferioridade que padecen as mulleres".

Henrique Alvarellos referiuse a 'Manifesto 25N' como "un libro para ter na cabeceira da cama e ao que volver a cotío, para que nos siga interpelando".

A publicación recolle obras de Luz Airado Bello, Pilar Alonso Suárez, Susana Antón Mandayo, Cristina Corral Soilán, Eva de Miranda, Paloma de Toro, Eilún del Pazo Moa, Miguel Díaz, Fátima Domínguez Silva, Andrea Fernández Maneiro, Celso Fernández Sanmartín, Raquel Fernández, Adela Figueroa, Pilar García Rego, Yolanda López, Paula Luís González, Beatriz Maceda Abeleira, Pilar Maseda, Adolfina Mesa, Alberte Momán Naval, Arantxa Nogueira, Toño Núñez, Emma Pedreira, Eli Ríos, Teresa Ríos, Viki Rivadulla, Ramón Sánchez, Ruth Santiso Salgado, Raquel Senra e Patricia Torrado Queiruga.

Comentarios