A Malla de Meira celebra o seu 28 aniversario coa estrea dunha cervexa artesá

▶ O programa inclúe a tradicional recreación, música, un xantar popular e queimada
 
Pardo, García Porto e Méndez, na presentación. S. IGLESIA
photo_camera Pardo, García Porto e Méndez, na presentación. S. IGLESIA

 A tradicional Festa da Malla de Meira acada os seus 28 anos de vida o vindeiro domingo, día 18, cun amplo programa de actividades. Unha data especial na que a Asociación de Amigos da Malla de Meira e o Concello aproveitarán para presentar a novidade deste ano, unha cervexa artesá fabricada con trigo meirego "e ecolóxico", apuntaba na presentación o presidente da entidade organizadora, Manuel Pardo.

A bebida conmemorativa, elaborada por Cervexas Píntega a base de malta de cebada, trigo, avea, lúpulo, auga e fermentos, portará unha etiqueta homenaxe á fábrica de licores Lourido de Meira e estará a disposición dos asistentes no stand de venda de tíckets ou nalgún dos locais hostaleiros da localidade. "Este produto servirá para dar a coñecer aínda máis esta festa", afirmaba Pardo.

Porén, a protagonista da xornada estará na Praza Maior, onde se celebrará a recreación dos diferentes tipos da malla de antano. Neses traballos participarán "unhas 80 persoas", tal e como cifran dende a asociación organizadora, entidade que tamén se encarga da semente e da recollida do produto -unhas dúas fanegas ou 4.000 metros-, así como da preparación da maquinaria.

A bebida conmemorativa portará unha etiqueta homenaxe á fábrica de licores Lourido de Meira

Os labores cos 500 mollos de trigo, que este ano é "de calidade excelente", intercalaranse coa música tradicional galega que resoará por tódolos recunchos de Meira. Así, as actuacións da asociación cultural 25 Xastres e do grupo folk Leirabuxo, ademais do trío Muralla e os nomes locais -Nove Ferreñas, a Banda de Música de Meira, a Banda de Gaitas da Escola de Música de Meira e a Banda de Acordeóns- sucederanse ao longo de toda a xornada festiva, igual que os bolos preñados e o viño que xa son tan tradicionais como a propia malla.

E para facer un alto nas faenas, a carpa instalada polo Concello albergará aos comensais que degustarán o cocido típico desta xornada -composto dun menú a base de lacón, morro, orella, chourizo, patacas, garavanzos e repolo-, que se acompañará de empanada, requeixo con mel, bebidas, pan e café por un prezo de doce euros.

Un dos días grandes de Meira, continuará pola tarde con "algo de malla e moita máis música", avanzan os organizadores ao tempo que ensalzan esta celebración, catalogada como Festa de Interese Turístico de Galicia "que a fai máis grande se cabe", dicía o alcalde accidental e edil de cultura meirego, Agustín Méndez. Afirmación coa que coincidía a deputada de turismo, Pilar García Porto, quen definiu a Festa da Malla como "un referente", xa que "non só recupera a tradición, senón que xera un revulsivo económico para a vila".

MOSTRAS. As actividades do vindeiro domingo estenderanse, como é habitual, á Praza do Concello e á Praza do Convento, nas que se emprazarán os postos de maquinaria antiga e de artesanía, respectivamente.

Os postos de maquinaria antiga estarán na Praza do Concello, mentres que os de artesanía se situarán na Praza do Convento
 

As celebracións terán o seu broche de ouro á noite coa queimada, que porá fin a unha edición na que se agarda continuar cos mesmos niveis de afluencia.

"A menos non vai, dende logo", concluía Méndez, agradecido co traballo que desenvolven os Amigos da Malla coa colaboración da Deputación.

Comentarios