A MÁQUINA PARA viaxar no tempo estaba lista para o despegue. Todo a punto. E hai cousas que a chuvia, aínda que o intente con ganas, non pode nin modificar nin estragar. Porque mallar, sempre se mallou aínda que non escampara. E iso desmostrouse onte en Meira.
3, 2, 1...! A viaxe comezou pronto cos preparativos. E o cheiro a buñuelos indicaba o camiño a seguir para os máis perdidos. No centro da praza, os reloxos xiraron as agullas ata chegar varios anos e décadas atrás e os motores encheron de ruído un mundo no que o traballo e a festa camiñan sempre da man. O súor e o viño, as risas e as longas conversas, os recordos e os anhelos habitaron entre o gran e a palla.
"Non sei que ten a Festa da Malla de Meira, pero é difícil desengancharse, o que vén sempre repite", explicaba o presidente de Amigos da Malla, Manuel Pardo, aínda algo sorprendido pola afluencia de xente desta edición da festa, que roza a trintena con 28 veráns. "Pode chover que iso non frea a ninguén. A xente sigue vindo e encheuse incluso máis que o ano pasado", dicía aínda subido á maquina do tempo.
Unhas corenta persoas encargáronse dos traballos na malla, dende nenos de once anos a maiores de 70, pero eran o dobre para asegurarse de que todo estivese perfecto. A comida sumou 800 persoas e o programa estreou unha cervexa artesá para a ocasión. "Á xente gústalle e a idea é seguir, pero este ano foi algo experimental. Puxémola á venda nalgúns bares e tamén na propia festa para levar para a casa. O que non a probara aínda terá uns días para atopala", explicaba Pardo, mentres facía de guía nesta excursión ao pasado que incluía postos de artesanía e de maquinaria, pero tamén música e gastronomía e unha queimada, como marca a tradición da malla.
‘Malla de Meira. Mola estar’ rezaban as camisetas deste ano. "A malla que non baixe, que siga así. E seguirá porque imos seguir sumando novidades", dixo Pardo mirando ao futuro. Haberá que mercar billete para a viaxe do ano que vén entón.