Malestar veciñal nas Pontes ante a posible corta de 57 árbores nas Veigas

O proxecto que Endesa executará no poboado inclúe a eliminación dos exemplares centenarios da avenida principal. O Concello afirma que non está na súa vontade permitilo
undefined
photo_camera As árbores, en ambas as marxes da avenida. M. MANCEBO

A posible corta dun total de 57 exemplares arbóreos situados na avenida principal do Poboado das Veigas, nas Pontes, espertou o malestar e a inquietude entre os veciños.

O proxecto de urbanización que Endesa executará na zona, e para o que destinará un orzamento de 4,5 millóns de euros, inclúe a eliminación destes bananeiros centenarios, que xa existían antes da construción do poboado a mediados dos anos 40, e que ata os 60 percorrían tamén a Avenida de Galicia .

Desde a eléctrica non quixeron facer ningún tipo de comentario máis aló de afirmar que teñen todos os permisos en regra —a Xunta confirmou que non requiren dunha autorización especial ao non ter ningún tipo de protección nin ser Árbores senlleiras— para levar a cabo as obras.

[ Os exemplares nevados a finais dos anos 60. DAQUELA AS PONTES ]

undefined

Desde o Concello precisaron que aínda están pendentes de recibir a acta de reformulo antes de que se inicien os traballos, polo que afirman que non está na súa vontade permitir que se realice a corta. "Na acta de reformulo veremos o que se vai a facer ou o que non, e se hai algunha discrepancia, poderase falar", afirma Antonio Alonso, o edil de urbanismo, recalcando que o Concello "non ten interese" en que se eliminen estas árbores.

Os traballos de urbanización das Veigas teñen un prazo de execución de 18 meses desde a data de inicio, e inclúen a renovación das redes de abastecemento e saneamento, a iluminación pública e os sistemas eléctricos e de telecomunicacións. Ademais contémplase a urbanización dos terreos para que estes teñan a consideración de soares, o que permitirá a venda das vivendas, unha vella demanda dos veciños.

O convenio asinado entre Endesa e o Concello das Pontes en 2016, acordando a cesión do último poboado que quedaba en mans da eléctrica, recolle tamén a entrega sen custos á administración local de vías, zonas verdes así como campos de fútbol e canchas de tenis, o edificio onde se sitúa o conservatorio municipal ou a Lareira.

Comentarios