Malestar pola inactividade na pista de karts pontesa

Os afeccionados critican que desde hai cinco meses non se poden usar as instalacións. O Concello está á espera do plan de seguridade
2020022118013150904
photo_camera Pista de karts das Pontes. MAK

Os usuarios e afeccionados ao motor critican a inactividade na pista de karts das Pontes e mostran o seu malestar porque desde hai cinco meses o Concello prohibiu o acceso ás instalacións. O goberno local, pola súa banda, defende que están á espera do plan de seguridade e das normas de uso, pero non avanza ningunha data concreta.

"O primeiro evento fixémolo a finais de 2017 e organizamos cursos, entrenos e probas pero en setembro de 2019 tingamos previsto facer ou terceiro slalom e non se nos deixou, sen dar moitas explicacións", di Raimundo Otero, da escuadra Acap. "En setembro fixemos un curso de condución segura e en outubro unha quenda de karts e despois dixéronnos que non podíase utilizar máis", explica e pide que se reactive.

"Entendemos que as cousas levan o seu tempo e que hai uns protocolos pero urximos que se poida volver utilizar o circuíto canto antes. Hai moita xente que quere adestrar aquí e que ten que desprazarse ata á Pastoriza ou a Forcarei", explica Samuel Bermúdez, o presidente de Motorsport As Pontes, mentres indica que as escuadras están a pagar un seguro a pesar de non poder usar as instalacións.

Desde o Concello explican que as actividades se pararon á espera de desenvolver un plan de seguridade e unha normativa de uso. "Non había unha orde e ás veces mala praxe. Co propio uso vas detectando posibles perigos e problemas e encargamos o plan de seguridade", explica Chicho Tembrás, o concelleiro de deportes, que asegura que xa lles entregaron un borrador.

"Oxalá que podamos polo a funcionar canto antes, pero mellor perder un tempo e buscar a seguridade de todos antes de que pase algo", indica e asegura que, a pesar de que hai probas fixadas no calendario da federación, non hai nada asegurado e que "ou acceden todos ou ningún".

O ruído foi outro dos problemas dunha pista de karts que empezouse a construír en maio de 2013 e cuxa investimento roldou os 600.000 euros. Algúns veciños queixáronse e a pesar de que desde as escuadras trataron de axustar os horarios das probas non houbo consenso. O Concello prevé contratar a unha empresa para realizar probas acústicas nun prazo de 20 días. "Temos que buscar a convivencia e solucións", di Tembrás, que indica que colocar pantallas pode supor un investimento moi alto para reducir pouco os decibeis.

Comentarios